CRTVG

Buscar

Sánchez e Casado acúsanse mutuamente de fomentar a crispación

Publicado o 10/06/2020 10:31

• Iglesias acusa ao PP de mentir sobre a na xestión da pandemia nas residencias de Madrid

• Os populares dinlle a Montero que "o feminismo no é culpable, vostede si", pola manifestación do 8-M

Sánchez e Casado acúsanse mutuamente de fomentar a crispación

O presidente do Goberno e o líder do PP acusáronse de fomentar a crispación e a división durante a pandemia, e mentres Pedro Sánchez subliñou o "gran fracaso" da dereita "e a ultradereita" tratando de facer caer o Executivo, Pablo Casado culpoulle de ser el quen estende este "veleno" xunto aos seus "socios".

Sánchez reprochoulle a Casado que o PP creara unha "fronte común" coa ultradereita e tentaran "utilizar o virus para derrocar o Goberno de España". Un intento que, subliñou Sánchez, foi "un gran fracaso" polo que emprazou a Casado a elixir que camiño tomar: "Se elixe a unidade aquí está o Goberno, se continúa a rifa aí ten a ultradereita".

Casado, pola súa banda, reprochoulle a Sánchez que España teña "a peor cifra de mortos por habitantes do mundo" e que os datos oficiais non recollan "os 16.000 mortos máis que din o Carlos III e o INE". O líder do PP asegurou que lle ofreceu "unha ducia de pactos que vostede rexeitou" e engadiu que é Sánchez e os seus socios "os que esparcen o veleno da confrontación".

 

Pola súa banda, o  vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, acusou ao PP de indecencia e desvergoña por ocultar a verdade sobre as ordes da Comunidade de Madrid respecto da atención hospitalaria de persoas maiores procedentes de residencias durante a crise do coronavirus, e lembroulle que o Goberno facultou as comunidades autónomas para intervir as residencias.

"Vostedes tiveron a indecencia de que cando se publicou a orde na que a señora Ayuso prohibía aos hospitais recibir aos anciáns dos centros de maiores, negaron a existencia desa orde, e tivo que chegar o conselleiro da señora Ayuso a dicir (...) que esa orde era ilegal e inmoral, que pouca vergoña señoría", afirmou Iglesias.

O deputado do PP Teodoro García Egea reclamou a Iglesias que lle dixese unha decisión concreta que tomase en materia de protección aos maiores como mando único das residencias.

Iglesias respondeulle que a orde do Ministerio de Sanidade do 23 de marzo facultaba á autoridade competente da comunidade autónoma a intervir os centros residenciais, que quedaban suxeitos á inspección dos servizos sanitarios da rexión correspondente.

Un dos momentos máis tensos da sesión foi o enfrontamento entre a deputada popular Margarita Prohens e a ministra de Igualdade, Irene Montero. Montero reprochoulle ao PP que criminalice as manifestacións do 8 M e diga que "traen morte" e aconselloulle falar menos da marcha feminista e vixiar a presidenta madrileña, Isabel Díaz  Ayuso, "que prohibiu trasladar anciáns aos hospitais".

Montero respondía así ás acusacións de Prohens, segundo a que o Goberno "obstaculizou a investigación xudicial cando viron que a distancia era clave". Ademais Prohens dixo que a ministra "animou miles de mulleres a participar nas manifestacións do 8 de marzo cando coñecía o alto risco de contaxio que iso supoñía".

"Eu fago miñas as palabras do presidente do Goberno, é evidente que toda España e Europa chegamos tarde non á primeira semana de marzo, senón seguramente a mediados de febreiro que é cando os expertos saben agora o que non sabiamos entón nin España nin en Europa", aseverou a ministra de Igualdade.

Para Montero, é necesario que o Goberno faga política feminista porque durante a crise "curiosamente todos os días foron 8 de marzo porque foron as mulleres as que están á fronte das profesións esenciais", como sanitarias, limpadoras ou empregadas de fogar, e as que asumiron a sobrecarga de coidados.

A deputada do PP comezou a súa intervención aconsellando ao Goberno que se quere falar de corrupción "miren na súa bancada ao PSOE de  Simancas" e preguntou a Montero  "se non se podía saber ou non se podía dicir o alto índice de sospeita" de que se ía a producir unha "hecatombe sanitaria".

"Se todo é mentira, por que obstaculizan a investigación xudicial cando viron que a distancia era clave" para evitar os contaxios, dixo Prohens, que concluíu dicindo que "o feminismo non é culpable, vostede si".