CRTVG

Buscar

Sánchez ve "inaceptable" o bloqueo dos que se din "constitucionalistas"

Publicado o 08/09/2020 16:52

Entre medio cento de mencións á unidade, Pedro Sánchez insistiu no Senado na importancia de aprobar uns presupostos cos maiores apoios posibles para reverter canto antes os danos da pandemia. Reclamou tamén a renovación de órganos como o Consello Xeral do Poder Xudicial ou o Tribunal Constitucional. E di que non é leal nin democrática a postura dalgúns partidos que se din constitucionalistas.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno, di que "non é un bloqueo ao Goberno, nin nos presupostos nin na renovación dos órganos institucionais, é un bloqueo ao noso país e ese bloqueo é inaceptable. Non se pode ser constitucionalista a tempo parcial"

Pero o PP di que non vai compartir a renovación do Poder Xudicial con partidos como Podemos, que segundo Javier Maroto atacan a xustiza. Acusa a Sánchez de ter como único obxectivo permanecer no poder mesmo aliándose cun partido imputado por corrupción. Sobre os orzamentos, o PP di que non lle vai dar ao Goberno un cheque en branco.

Javier Maroto, voceiro do PP no Senado, asegura que "non nos imos prestar a seguir o xogo que inspirou a súa intervención de hoxe de ou apoiamos o que vostede di cando vostede di ou estamos en contra de España"

Sánchez cargou duramente este martes contra o PP acusándolle de ser un partido "errático" sen máis proxecto que "derrubar" ao Goberno, de actuar "contra a saúde e a seguridade dos españois" non apoiando os estados de alarma e de "deslealdade coa Constitución" por non apoiar a renovación das institucións.

Na súa réplica no pleno do Senado, foi especialmente duro co portavoz 'popular', Javier Maroto, ao que comparou "cunha sorte de semáforo que alguén manexase a distancia" e un día é "centrista" e outro "se esforza en soltar as invectivas máis disparatadas".

"Entendo o difícil que debe ser facer méritos e carreira política nun partido tan errático como é o seu na actualidade. Un levántase para ir traballar e non sabe se lle toca poñerse o traxe discreto de centrista ou pactista ou o chillón do extremismo, depende da ocorrencia do líder ese día", reprochoulle.

Sánchez afeou especialmente ao PP que non queira negociar a renovación das institucións coa "escusa" de que Podemos está no Goberno e que é un partido investigado polos tribunais. Se fose por iso, dixo, "ninguén se podería achegar ao PP a menos de 100 metros de distancia"

Esquerra Republicana condiciona o apoio aos presupostos ao impulso do mesa de diálogo con Cataluña e Ciudadanos, a que sexan útiles para superar a pandemia.

Lorena Roldán, voceira de Ciudadanos no Senado, cre que "debemos ser capaces de sacar adiante uns orzamentos de emerxencia nacional"

Sánchez levou ao Senado as liñas xerais do plan de recuperación que prepara o executivo e que transformará España, dixo, como no seu día fixo a entrada na Unión Europea.
 

Noticias web

08/09/2020