CRTVG

Buscar

Sánchez defende o pacto con Podemos, e Iglesias advirte de que esixirá renuncias

Publicado o 15/11/2019 14:53

Os negociadores do PSOE seguen tanteando os partidos pequenos para sumar apoios ao seu pacto de goberno con Podemos. Hoxe é a quenda do partido rexionalista cántabro, despois de que onte se abrisen a negociar os nacionalistas canarios. Iglesias avisa nunha carta ás bases de que gobernar en coalición esixirá moitas cesións. E tras a reunión frustrada entre Lastra e Rufián, Sánchez pregúntase que goberno queren os independentistas.

"O PSOE e Unidas Podemos somos as dúas únicas organizacións a nivel nacional que apostan polo diálogo dentro da Constitución para resolver a crise política en Cataluña. Por tanto, os que se opoñen a un goberno progresista formado polo PSOE e UP terán que explicarnos que alternativa propoñen e que goberno queren", dixo.

Comparencia co presidente electo do Consello Europeo, o belga Charles Michel, e moitas claves do presidente do Goberno en funcións. Sánchez apela ao diálogo sobre Cataluña, mantense firme na esixencia de respecto ao marco constitucional, pero usa a expresión "crise política". Todo, despois de coñecer que Esquerra se mantén no non á investidura baixo o argumento de que o PSOE non abandonou, din literalmente, "a vía represiva". "Debemos ser moito máis esixentes: a confianza que podía haber en que podiamos avanzar creo que neste momento non existe", dixo Pere Aragonés.

Mesmo así, emprázanse para seguir falando. Conversas ás que están especialmente atentos desde a CUP, e tamén desde Bildu. "Todo o mundo nos mira e dinnos que temos que facilitar unha cousa ou a outra, pero nós a única noticia que temos é que non se van reunir con nós", lamentou Arnaldo Otegi.

Hoxe é a quenda dos cántabros, despois da reunión con Teruel Existe. "Nós dixemos dende o comezo que tentaremos facilitar a gobernabilidade do país", adiantou Tomás Guitarte,

Nas últimas horas, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, agradeceu por carta o apoio da militancia para advertirlles que ser a forza minoritaria nunha coalición esixe ceder. Fala da necesidade de superar contradicións e límites. Mesmo así, di que chegou o momento dun goberno que traballará en favor da maioría e retoca o seu lema de asalto aos ceos, explicando que o ceo se alcanza con perseverancia.

Noticias web

15/11/2019