CRTVG

Buscar

Sánchez cre que o desbloqueo é cuestión de semanas

Publicado o 21/11/2019 09:32

• Casado descarta facilitar a investidura de Sánchez

• ERC aumenta a presión cunha consulta ás bases

Pablo Casado descarta por completo que o Partido Popular vaia facilitar a investidura de Sánchez. Apelando á estabilidade, o líder do PP ofrécelle ao PSOE pactos de Estado e apoiar os presupostos, pero só a cambio de que se exclúa a axenda de Unidas Podemos.

O PSOE segue avanzando na configuración da estrutura do goberno cos de Iglesias, mentres Esquerra aumenta a presión cunha consulta ás bases.O resultado da consulta da Esquerra Republicana á militancia non séra vinculante, pero aumenta a temperatura na negociación da abstención.

O texto pregunta ás bases se rexeitan a investidura de Sánchez se non hai previamente un acordo para abordar o conflito político a través dunha mesa de negociación e a pregunta cadra ademais cunha reunión no Parlamento catalán para, supostamente, unificar posicións con Juns Per Cataluña. Pero algunhas fontes consideran que a consulta pode ser unha oportunidade para un foro de diálogo co PSOE porque a pregunta de Esquerra exclúe esixencias como o referendo ou a liberación dos políticos presos, que estaban ata agora sobre a mesa.

Desde a reunión dos populares europeos en Zagreb, Casado referíase á consulta do PSOE ás bases. E dixo que Sánchez, que se fixo presidente apelando á exemplaridade, debería asumir responsabilidades tras a sentenza dos ERE: "Debería barallar dar un paso atrá e, se non o fai el, os seus militantes teñen a oportunidade de facelo o próximo sábado. Decidan o que decidan, o PP está no que os españois esperan: dar estabilidade na gobernabilidade, pero non facilitar a investidura a quen aínda nin nos chamou", lembrou.

Casado acala así as voces que desde o propio partido pedían unha "abstención de Estado" e co fin da estabiliade ofrece pactos en asuntos como a violencia de xénero e a educación, e mesmo apoiar os presupostos pero esixindo que se rexeite a axenda de Unidas Podemos.

As negociacións para configurar o goberno de coalición cos de Iglesias seguen avanzando e Sánchez amósase confiando en que superar o bloqueo sexa cuestión de semanas.

"Confío en que nas próximas semanas remate o bloqueo político e teñamos un goberno en España con plenas capacidades e en plenitude de funcións e igualmente confío en que poidamos abrir unha nova etapa en que a crispación política e o desencontro se reduzan e que, en consecuencia, a nova lexislatura sexa a do reecontro da política coa política. Precisamos acordos, precisamos avanzar, precisamos acomenter transformacións no noso país", dixo o presidente en funcións.

Noticias web

21/11/2019