CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez ve avanzar a Mesa de Reconstrución mentres segue á espera do PP

Publicado o 16/04/2020 20:59

A ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, agradeceu a boa disposición ao acordo dos líderes políticos cos que contactou xa o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e felicitouse de que o pacto pola "reconstrución" do país estea "cada vez máis preto". Nunha conferencia de prensa no Palacio da Moncloa para dar conta desa primeira rolda de contactos que continuará mañá venres, Montero mostrouse convencida de que a Mesa para a Reconstrución Social e Económica poderá reunirse a próxima semana.

A falta de que se concrete a entrevista co presidente do PP, Pablo Casado, Sánchez xa se puxo en contacto vía telemática con representantes de Podemos, JxCat, Compromís, Más País, BNG, Ciudadanos e o PNV. O venres están previstas conversacións con ERC, Bildu, UPN, CC, Foro, PRC, Teruel Existe e o PSOE.

Montero explicou que tan só Vox e a CUP decidiron non participar desta rolda. Con todo, a portavoz do Goberno aplaudiu a disposición ao diálogo e á concertación do resto de forzas políticas e que se antepuxo os intereses dos cidadáns aos partidistas. "Esperamos que o día de mañá teña tan bos resultados como o día de hoxe e que sexa a tónica dominante dos próximos días", insistiu.

As reaccións dos partidos

O presidente convocounos a unha Mesa pola Reconstrución Económica e Social, que quere celebrar xa a semana que vén. A líder de Ciudadanos apoia a idea se vai acompañada de máis concreción.

Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, cre que "é moi importante que o Goberno deixe a retórica e empece a concretar. Se se concreta que o contido do pacto son estes tres ámbitos, o sanitario, o económico e o social, eu creo que poden tirar cara adiante"

Junts per Cat díxolle que non sentarán se o plan é reforzar o estado autónomico, o BNG pediu excluír os partidos da dereita e Compromis e Más País reclamaron unha fiscalidade máis progresiva. A entrevista co PP non ten data: Pablo Casado cre que o urxente agora é un plan de choque e que para acordos a medio prazo xa está o Parlamento. E insta o executivo a acabar primeiro con desavinzas internas como as que aparentemente rodean a renda mínima.

Pablo Casado, presidente do PP, ironizaba con que "hoxe escoitabamos que o ministro de Seguridade Social soubo pola prensa dunha medida que ten que tomar o seu departamento. Non son o único que sabe pola prensa das cousas que logo temos que votar ou aprobar. Pero creo que o pacto teno que facer primeiro o Goberno"

María Jesús Montero, voceira do Goberno, cre que  "non se entendería por parte do país e de moitas persoas conservadoras, con ideoloxía próxima ao Partido Popular, que nunha situación tan dramática o Partido Popular no se comprometese coa reconstrución económica e social do país"

Unha reconstrución para a que o Goberno tamén convoca as comunidades, concellos e axentes sociais.

Noticias web

16/04/2020