CRTVG

Buscar

Sánchez comparece o mércores no Congreso para dar conta do estado de alarma

Publicado o 16/03/2020 13:38
Sánchez comparece o mércores no Congreso para dar conta do estado de alarma

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparecerá este mércores no Congreso dos Deputados, tal e como recolle a Constitución, para dar conta do Real Decreto de Declaración do Estado de Alarma.

Segundo informou Moncloa, así llo avanzou Sánchez ao líder do PP, Pablo Casado, con quen iniciou a rolda de contactos cos partidos políticos, nunha conversa en que lle subliñou "a importancia de manter a unidade de acción contra o virus".

"Esta batalla non debe ter cores políticas, senón centrarse en gañarlle ao coronavirus", é unha das mensaxes que, segundo o Executivo, lle trasladou Sánchez a Casado.

Fontes do Congreso -que o pasado día 12 suspendeu a súa actividade durante dúas semanas, aínda que deberá retomala para esta cita- explicaron que aínda non se decidiu o formato e as características da comparecencia do presidente.

Na súa conversación con Casado, segundo Moncloa, Sánchez trasladoulle, como fixo cos presidentes autonómicos onte, a "máxima lealdade mutua", e aseguroulle que o Goberno "sempre se guiará polos principios de cooperación, colaboración e solidariedade entre todos os españois".

Tras este primeiro encontro por vídeo, o presidente do Goberno completará ao longo desta mañá a súa rolda de contactos, por videoconferencia ou telefónicos, cos restantes portavoces dos grupos parlamentarios.

Esta rolda, explica o Executivo, ten por obxecto facilitar información precisa sobre as medidas adoptadas para facer fronte a esta emerxencia e reiterarlles a necesidade de manter a unidade de todos para dar freado o virus.