CRTVG

Buscar

Sánchez inicia contactos para buscar a reconstrución social e económica

Publicado o 16/04/2020 20:04

• O BNG dubida que poida asinar acordos coa dereita e a ultradereita


 

O Goberno volveu a apremar este xoves ao PP para que se some canto antes á rolda de diálogo que emprendeu o presidente, Pedro Sánchez, para crear unha Mesa de Reconstrución e subliñou que o país non entendería que a principal forza da oposición se autoexcluíse dese proceso. "O Goberno estivo tendendo a man, facilitando que ese encontro sexa posible; neste momento aínda estamos pendentes de concertar ese momento, esa data" do contacto co líder popular, Pablo Casado, segundo a ministra portavoz María Jesús Montero, que incidiu en que espera que teña lugar canto antes.

En conferencia de prensa para facer balance das primeiras teleconferencias de Sánchez coas distintas forzas políticas para expor como abordar a reconstrución do país tras o coronavirus, Montero lembrou que se convocou ao diálogo a todos, "e iso compete ao principal partido da oposición" Por parte do Goberno, a ministra expresou a súa total disposición a que os populares se unan á rolda e á Mesa para a Reconstrución social e económica de España proposta por Sánchez. 

Ata o de agora, hai dúas formacións, Vox e a CUP, que rexeitaron participar no diálogo, segundo a ministra, que precisou que as que xa contactaron hoxe co presidente expresáronlle a súa disposición para participar e a achegar propostas. Trátase de Podemos, JxCat, Compromís, Más País, BNG e Ciudadanos, precisou, antes de engadir que todas esas formacións mostraron que queren antepoñer os intereses do país aos seus propios e aparcar as diferenzas para buscar puntos de encontro.

Esta mesma tarde, o presidente manterá tamén unha videoconferencia co PNV e a súa intención é continuar cos contactos mañá. Sánchez está a debullar aos representantes de todas esas forzas políticas a súa proposta para deseñar o futuro de España a curto e medio prazo, e para crear unha Mesa na que se aborden cuestións como a maneira de relanzar a economía e o emprego ou revitalizar o estado de benestar.

A súa intención é que a Mesa se poida reunir xa a próxima semana, de aí a vontade do Goberno de que a rolda de contactos "termine no menor tempo de prazo posible para poñernos á tarefa", dixo a ministra. "O dialogo será necesario si ou si" e ao Goberno gustaríalle contar co PP no mesmo, reiterou Montero. De forma paralela á Mesa, o Executivo exporá un diálogo interinstitucional coas comunidades autónomas e os concellos, así como a revitalización do diálogo social con empresarios e sindicatos.

O BNG dubida que poida asinar acordos coa dereita e a ultradereita

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que considera "imposible" que as medidas "verdadeiramente transformadoras" que os nacionalistas consideran necesario adoptar para superar a crise económica e social despois da pandemia do covid-19 poidan ser "acordadas coas forzas da dereita".   Respecto diso, avisou de que o BNG "de ningunha" maneira "apoiará políticas de recortes sociais, privatización ou precarización" dos servizos públicos ou de "recentralización política", que son as "receitas habituais, tanto do PP como as doutras forzas da dereita e ultradereita".   

Noticias web

16/04/2020