CRTVG

Buscar

Sánchez buscará o si de Podemos e dos nacionalistas minoritarios

Publicado o 12/11/2019 08:28

A posición de Ciudadanos ante unha posible investidura de Sánchez podería estar esta vez máis aberta a romper o bloqueo, pero os seus dez deputados xa non son tan decisivos. O cambio de discurso tamén é perceptible no PSOE, que agora non se opón -polo menos publicamente- á posibilidade dunha coalición con Unidas Podemos. No PP, a dirección desbota a abstención de Estado que están a solicitar algúns cargos do partido. 

Os socialitas xa dan por feito que o PP non vai facilitar a investidura de Sánchez, mentres reclaman o recoñemento da vitoria do PSOE. O presidente de Castela-A Mancha solicitaba onte unha abstención xeneralizada.

"Aquí parece que gañaron todos. O PP sacou o segundo peor resultado da súa historia e están contentas coma unhas castañolas", dixo, para defender que goberne o PSOE tras catro vitorias consecutivas. 

Sánchez xa fixa como prioridade buscar o apoio de Unidas Podemos, Más País e os partidos nacionalistas minoritarios. Tras a reunión da Executiva Federal, o secretario xeral do PSOE anunciou que contactará cos demais líderes de inmediato. Mentres, Ábalos non pecha a porta a incluír os de Iglesias non Consello de Ministros, pero si dá un non rotundo a unha gran coalición co PP.

"Non imos apostar por unha dereita que segue sen asumir a súa responsabilidade", declarou.

O PP celebra hoxe executiva. Sobre a mesa, o debate sobre o estilo para liderar a oposición tras a suba de Vox, e a petición dalgúns cargos para unha abstención de Estado, se Sánchez non lograse apoios. Unha opción que onte desbotaron con claridade desde a dirección.

"Que se absteñan de seguir meténdolle presión ao Partido Popular", dixo o secretario xeral dos PP, Teodoro García Egea, como recado ao Partido Socialista.

Mentres, en Vox animan a esa abstención dos populares.

"Non llelo reprocharemos. Que non disimulen que comparten as principais políticas que nós discutimos", afirmou Santiago Abascal.

Tras a reunión da Comisión Colexiada de Unidas Podemos, Garzón apostou pola fórmula da coalición co PSOE, aínda que tamén se abriu a explorar outras opcións.

"Nós imos explorar todas as opcións, pero agora hai que esperar a que o PSOE diga cara a onde quere ir", dixo.

En Esquerra e Junts per Cataluña tamén amosaron a súa disposición a facilitar a investidura a cambio dun diálogo, dunha mesa de negociación co independentismo para, dixeron, buscar solucións políticas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019