CRTVG

Buscar

Sánchez e Casado acordan que a mesa de diálogo sexa en comisión parlamentaria

Publicado o 20/04/2020 19:44

• O Congreso convocará a mesa para a reconstrución e decidirá o seu formato

• Casado, disposto a apoiar a prórroga do estado de alarma se hai medidas urxentes

 

O Congreso dos Deputados convocará a chamada mesa para a reconstrución económica e social de España que o Goberno propuxo a todos os grupos parlamentarios e decidirá o seu formato. A Cámara Baixa convocará "día e hora da reunión para esta mesa e o formato para a súa xuntanza", dixo a ministra portavoz, María Jesús Montero, en conferencia de prensa en que precisou que "o Goberno desexa e espera que isto se produza o máis axiña posible".

A ministra explicou que para o Executivo "non ten importancia se é unha mesa de partidos ou unha comisión" parlamentaria, tal e como propuxo este luns o presidente do PP, Pablo Casado, ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, nunha iniciativa que foi ben acollida polo Goberno á espera de que se consensúe co resto de forzas políticas. "O de menos" para Sánchez e para o Goberno é o formato, segundo Montero, quen considerou que se trata de "unha cuestión menor" o feito de que finalmente se decida crear unha comisión.

Insistiu neste argumento ao se lle expoñer se non cre que o acordo de que haxa unha mesa no Congreso desnaturaliza a súa idea inicial dunha especie de Pactos da Moncloa e se pode correr o risco de que se converta nunha comisión investigadora da xestión do Executivo. Por iso reiterou que o transcendental é que "esteamos todos e todas", aínda que se autoexcluísen Vox e a CUP, e que haxa un pacto con solucións consensuadas.

Ao seu xuízo, todos os partidos participantes na comisión valoran a presenza nela do PP, a quen trasladou o agradecemento do Goberno por sumarse á mesa. Negou que haxa algún acordo con este partido sobre o funcionamento da comisión e explicou que será nela onde se debaterá a súa metodoloxía, periodicidade e outro tipo de cuestións instrumentais. Ante ela comparecerán expertos, políticos e todas as persoas que se considere que poden achegar algo, e avanzou que tanto os membros do Goberno que o fagan como os representantes dos partidos que conforman o Executivo de coalición expoñerán as propostas que crean convenientes. Pero non precisou ningunha en concreto nin se entre elas estará o denominado ingreso mínimo vital.

Si insistiu na necesidade de empezar a traballar canto antes e confiou en que a comisión poida ter as súas conclusións no actual período de sesións do Congreso para que as medidas que se consensúen se poñan en marcha no segundo semestre. Para conseguilo, Montero expresou o desexo do Goberno de que, polo ben da cidadanía, todos os seus participantes dean aparcado os seus intereses partidarios e as súas diferenzas e se concentren nas tarefas que os unen. 

Luz e taquígrafos

O PP celebra que se lograra este acordo para que as negociacións se fagan "con luz e taquígrafos", segundo fontes do partido.

En conferencia de prensa posterior á xuntanza, o presidente dos populares dixo que está disposto a apoiar a prorrogación do estado de alarma se hai medidas urxentes nos ámbitos sanitario (tests masivos) e económico. 

Casado considera moito máis axeitada a fórmula dunha comisión parlamentaria que "unha mesa extraparlamentaria" porque "non ten mérito reunir nunha mesa os socios de investidura e un par de partidos máis para presentar un programa de goberno encuberto".

O líder da oposición anunciou que solicitará a petición dunha comisión de investigación "que clarifique por que se fallou na compra ou nos prazos" dos tests.

Respecto da actividade económica, Casado dixo que "as empresas poden aguantar a respiración un minuto, pero non unha hora". "A hibernación ten que dar paso a un invernadoiro", dixo.