CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez avisa de que o artigo 155 se pode aplicar cun Goberno en funcións

Publicado o 01/10/2019 16:33

O xefe do Executivo en funcións, Pedro Sánchez, advertiu este martes de que o artigo 155 da Constitución se pode aplicar en Cataluña cun Goberno en funcións e recalcou que se o autogoberno se sitúa "fóra da legalidade" é obriga do Goberno de España restituílo.

"Espero non chegar a ese extremo, non ten que chover sobre mollado", sinalou, con todo, Sánchez nunha entrevista na Cadena Ser nesta xornada do segundo aniversario do referendo ilegal do 1-O.

Sánchez recalcou que se "nas próximas semanas ou meses" o Executivo ten que actuar en Cataluña vaino facer con "firmeza, unidade de acción e proporcionalidade", e asegurou que se se ve obrigado a aplicar o 155 guiarase por eses principios e falará cos principais partidos antes de tomar unha decisión.

En calquera caso, o presidente do Goberno pediu ao independentismo que "non xogue con lume" e insistiu en reclamar que se condenen os actos e "indicios" de violencia, en alusión ás detencións dos membros dos Comités de Defensa da República (CDR) que, segundo a Fiscalía, ían cometer actos violentos con motivo do aniversario do 1-O.

"Condenar calquera indicio de violencia veña de onde veña, incluídos os elementos radicais do independentismo", manifestou Sánchez, quen asegurou que no Goberno estarán "moi atentos" e van garantir "a seguridade".

C'S e PP

Ciudadanos solicita unha reunión co presidente en funcións e o Partido Popular reclámalle que aplique as leis que xa están en vigor. 

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Vólvolle pedir ao señor Sánchez unha reunión de Estado, non unha reunión entre o PSOE e Ciudadanos, para falar do Estado, de Cataluña, da aplicación e da defensa da Constitución. Aquí non hai siglas, señor Sánchez, non se equivoque, non faga cálculos, saen mal".

Pablo Casado, presidente do PP: "O PSOE ten que pasar do mitin á acción e, sen máis demoras, tomar medidas, por exemplo, no próximo Consello de Ministros do venres. Cumpra a lei xa. Se quere ser crible e que o tomemos en serio, ademais de ameazar a Quim Torra ten que romper os corenta acordos de goberno que ten con el nos corenta municipios de Cataluña".