CRTVG

Buscar

Sánchez apela á unidade e non descarta máis restricións en función dos contaxios

Publicado o 12/04/2020 21:13

Un tema está no centro do debate: a diminución progresiva do actual confinamento. Pedro Sánchez foi taxativo e incidiu en que "mañá só remata a medida extrema da hibernación económica”. Aclarou que a duración das restricións actuais dependerá da evolución da pandemia: "Se lle gañamos terreo ao virus e o noso sistema de saúde recupera ton, avanzaremos nesa baixada. Se non é así, quero ser moi claro: manteremos ou reforzaremos as restricións, porque o primeiro para este goberno sempre será a saúde e a vida dos nosos concidadáns".

O presidente do Goberno defendeu os resultados do estado de alarma na loita contra o coronavirus, aínda recoñecendo que deben mellorar máis."Nos días anteriores á declaración do estado de alarma, para que nos fagamos unha idea, o crecemento dos contaxios era dun 38 %. Tras un mes de dura loita de toda a sociedade española contra o virus, hoxe é dun 3 %", explicou Sánchez

Capítulo particular dedicoullo ao que definiu como un necesario "descenso da tensión política" para evitar o "espectáculo de políticos pelexando". Nesa liña, apelou tamén á concertación na Unión Europea: "Estamos mergullados nunha guerra total que nos incumbe a todos e a resposta, en consecuencia, debe ser común, unida, tanto no plano nacional como tamén no plano europeo e global".

Sánchez asegurou que esta crise sanitaria ameaza con "triturar o tecido económico e social" e insistiu outra volta na necesidade dun gran acordo para a reconstrución: "Nos próximos días convocaremos todas as forzas políticas, tamén os axentes sociais, os empresarios e os sindicatos, o conxunto de comunidades autónomas, tamén os concellos, e antes de que conclúa esta semana quixeramos celebrar a primeira reunión para impulsar eses novos pactos da Moncloa".

Finalmente, explicou que ten a intención de poñer en marcha a renda mínima vital "o antes posible".

Noticias web

12/04/2020