CRTVG

Buscar

A conferencia de doantes para a vacina da COVID-19 reúne 7.400 millóns

Publicado o 04/05/2020 18:25

• España achega 125 millóns

A conferencia internacional de doantes organizada este luns pola Unión Europea (UE) para o desenvolvemento de novos métodos de diagnóstico, tratamentos e unha vacina universal contra o coronavirus, en que non participou os Estados Unidos, logrou recadar 7.400 millóns de euros contra a pandemia.

A cifra alcanzada quedou preto do obxectivo anunciado de 7.500 millóns de euros (8.000 millóns de dólares), dos que arredor do 53 % destinarase ás futuras vacinas, o 26 % a investigar novas medicinas e o 20 % para desenvolver tests. "Teremos que aprender a vivir co virus ata que poidamos desenvolver unha vacina" e asegurarnos de que os tratamentos cheguen "a todos os recunchos do mundo", dixo a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que anunciou unha contribución de 1.000 millóns de euros do Executivo comunitario

España achega 125 millóns

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este luns que España contribuirá 125 millóns á resposta global contra a pandemia de COVID-19, concretamente con 50 millóns de euros á Alianza de Vacinas  GAVI) e con 75 millóns á Coalición para as Innovacións en Preparación para as Epidemias (CEPI). Sánchez participou este luns nunha Conferencia de Doantes telemática destinada a recadar fondos para combater a pandemia de COVID-19 patrocinado pola Unión Europea, Francia, Alemaña, Reino Unido, España, Noruega, ademais de Arabia Saudita e Italia (como presidencias actual e futura do G20).

Tanto GAVI como CEPI son alianzas público-privadas, a primeira delas centrada en aumentar o acceso ás vacinas en países en desenvolvemento e a segunda en financiar a investigación de vacinas contra infeccións que poidan supoñer potenciais epidemias. Sánchez lembrou que, xa antes da pandemia, España anunciara achegas de 140 millóns de euros a GAVI e 100 para o Fondo Global contra a Sida, a Malaria e a Tuberculose.

Na súa breve intervención, recalcou que o acceso equitativo e alcanzable a vacinas, tratamentos e diagnósticos é "o único camiño para derrotar o virus", pero tamén "é facer o correcto", porque hai que "facer todo o necesario para impedir que aumente a desigualdade como consecuencia da pandemia". "Debemos aprender as leccións aprendidas no noso pasado máis recente e asegurar que, esta vez si, saímos da crise sen deixar a ninguén atrás", dixo, en alusión á crise financeira de 2008 e ás medidas adoptadas para superala.

Noticias web

04/05/2020