CRTVG

Buscar

Sánchez admite o seu erro sobre a Fiscalía e garante a súa autonomía

Publicado o 07/11/2019 12:36

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, admitiu este xoves o seu erro por dicir onte que a Fiscalía depende do Goberno e garantiu a autonomía do Ministerio Fiscal.

Nunha entrevista en La Sexta, Sánchez recoñeceu que non foi "preciso" onte nas súas palabras en RNE, pero insistiu en que en todos os meses que leva no Goberno demostrou o seu respecto á autonomía do Ministerio Fiscal e do Poder Xudicial.

"O nomeamento da Fiscalía depende do Goberno, pero é autónoma", recalcou o presidente en funcións, quen subliñou que o labor do Executivo é "axudar" a Fiscalía e o Poder Xudicial para que a extradición de Carles Puigdemont sexa posible canto antes.

O presidente en funcións retráctase das declaracións de onte en que insinuaba que a Fiscalía estaba controlada polo Goberno. Espertaron malestar entre os fiscais e valéronlle as críticas da oposición. Dende o Goberno defendían as palabras de Pedro Sánchez.

Mentres, na oposición arrecian as críticas a Sánchez. Pablo Casado destaca que dana a extradición de Puigdemont. Rivera di que foi unha imprudencia. Pablo Iglesias búrlase da presunta influencia de Sánchez. E Errejón, de Máis País, asegura que é un perigo que un presidente en funcións lle diga á xustiza como facer o seu traballo. 

Reaccións tamén en Galicia ás palabras de Sánchez sobre a fiscalía. En Común Unidas Podemos cualifícaas de gravísimas e preocupantes. Desde o PSdeG din que non é un tema que lles preocupe aos galegos.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí