CRTVG

Buscar

Samos restaura as obras da ruta artístico-literaria dedicada ao poeta Fiz Vergara Vilariño

Publicado o 22/07/2020 21:40

Na contorna da casa de Samos que viu nacer o poeta Fiz Vergara Vilariño continúa viva a súa esencia e os seus versos. Fano a través dunha ruta artístico-literaria duns oito quilómetros en que 13 artistas diferentes deron forma aos seus poemas enmarcados nas paisaxes que inspiraron o autor.

Violeta Bernardo, artista: "Eu o que fixen foi reinterpretar ese poema, poñelo en tres dimensións e facerlle unha homenaxe a Fiz. Son travesas de tren que reaproveitei porque a min gústame moito traballar con materiais de refugallo".

Coincidindo co décimo aniversario da ruta, os artistas están a restaurar as súas creacións para seguir dándolle vida a este espazo único que atrae numerosos visitantes. No Pedregal de Irimia e coa axuda das mans miúdas dos seus netos Violeta xa lle devolveu as cores da bandeira galega á súa obra.

"Non soporto ver as cousas deterioradas. Unha obra que sae tan dentro do corazón é como un fillo que queres ver sempre ben. Fernando Yáñez tamén arranxou a súa peza, que se deteriorara bastante; algunha sufriu actos vandálicos e algunha tamén a roubaron, que é ben triste".

Esta é unha sentida homenaxe a Fiz Vergara Vilariño, pero na Asociación Ergueitos, promotora da iniciativa, buscan máis e reivindican o Día das Letras Galegas para el.

Noticias web

22/07/2020