CRTVG

Buscar

Un pesqueiro de Muros proba a pesca do bonito con cebo vivo

Publicado o 25/06/2019 14:26

Os mariñeiros traballan nos últimos detalles antes de que o Madre Consuelo parta do porto de Muros. Farán parada en Santoña e, desde aí, adentraranse no Cantábrico para explorar unha técnica tradicional, pero que os pesqueiros galegos non utilizan: a pesca do bonito con cebo vivo.

Óscar Carreño, patrón e armador do Madre Consuelo, explica que "aquí vaise a este oficio, pero ao curricán, que vas andando coas varas; isto é distinto, é a cana contra o peixe, ou o home contra o peixe, e tes que tirar anzol, un cebo vivo e ao bonito a pescar, como cando vas ao peirao, igual".

A carnada, basicamente anchoa, collerana de camiño, canto máis ao leste mellor, porque é onde din que está a máis axeitada para manter nestes viveiros. E a partir de aí, poñeranse a traballar nesta técnica, que precisa moita man de obra.

"Cada caneiro ten o seu ronqueiro que lle chaman, que é un compañeiro que lle axuda a tirar polo bonito para arriba, porque a pulso, un peixe de seis sete quilos co que tira non es capaz. Temos pensado botar 14 días porque non levamos víveres para máis, e despois a terra, e a practicar. Este ano pagaremos o pato pero cada ano máis e máis e máis". Abandonan a sardiña, á que andaban ata agora, porque aseguran que non lles é rendible, e a pesar da súa inexperiencia son optimistas nesta nova etapa.

"Somos moi optimistas, con moita ilusión, e se non pescamos moito, pouco, pero habémonos defender, máis que aquí no verán; é unha arte moi limpa e é o que ves, o peixe contra o home e nada máis".

Pasadas as doce da noite, por aquilo de non embarcar en martes, o Madre Consuelo iniciará singradura.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019