CRTVG

Buscar

Sada réndese á figura de Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

Publicado o 22/08/2020 15:37

A figura de Isaac Díaz Pardo é a do intelectual, artista e empresario, que sufriu as consecuencias da guerra civil e que dedicou a súa vida á defensa da memoria histórica e do patrimonio cultural de Galicia, sen perder de vista o enfoque humanístico da súa obra.

Camilo Díaz, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, salienta do papel do seu pai que "como dinamizador da cultura, como recuperador da memoria histórica merece un dez. Podiamos falar de que Isaac é un home que despois de Castelao é unha das personalidades máis importantes de Galicia, despois de Castelao".


Coas circunstancias sanitarias actuais, a vila coruñesa de Sada conmemora hoxe o centenario do nacemento deste nomeado intelectual galego coa celebración de diversos actos e exposicións.

Benito Portela, alcalde de Sada, incide no "pioneiro que foi en moitas cousas, en empregar recursos naturais para facer arte, ao mesmo tempo para involucrar as mulleres no mercado cultural nunha época na que non lles era posible e entendemos que a súa figura é irrepetible, inesquecible, e queriamos o día do seu centenario facer unha homenaxe merecida".

A figura deste ilustre galeguista vai ligada inseparablamente a numerosas iniciativas. Pero tamén hai unha profunda relación coa vila de Sada, que lle correspondeu co nomeamento de fillo adoptivo.

"Unha relación que frutificou a través de Cerámicas do Castro, de experiencias como o Museo Carlos Maside, Edicións do Castro, e todo iso está ligado a Isaac e débelle moito a Isaac ", aclara Manuel Pérez Lorenzo, da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

A celebración da efeméride, que incluíu a realización dun mural reproducindo unha das obras do artista galego, contou coa presenza de amigos e familiares do homenaxeado.

"Gustaríame -comenta Xosé Díaz, outro dos fillos do artista- que seguisen lembrando ese personaxe sinxelo, sobrio e humilde que foi, que sempre acolleu a todo o mundo e sempre o deu todo por todo o mundo".

Isaac Díaz Pardo deixounos hai oito anos, pero a súa obra segue máis viva ca nunca.

Noticias web

22/08/2020