CRTVG

Buscar

Ás filloas á pedra e as orellas son as raíñas do Entroido

Publicado o 21/02/2020 14:17

"Eu recordo cando era pequena que saía por aquí polos rueiros, que dicían antes, e todo o olor era de anís, fritindo as orellas ou flores, e por outra parte facendo as filloas. Ese era o olor típico dunha aldea de aquí", lembra Arita Pais, veciña da Baña.

Fumean ben cedo as pedras porque aquí na Baña as filloas sempre se fixeron así e por iso teñen outro sabor. María recorda cando a avoa e a nai as facían na pedra dun valado.

"A pedra ten un sabor distinto, o que non lle dá a tixola, nin o ferro, nin cousas desas. E despois os produtos que son todos de aquí, ovos da casa, fariña do país", conta María Alvite, veciña da Baña.

Poden ser filloas doces ou salgadas, todo depende do recheo.

"Con doce pode ser con nata, mel, chocolate, o que se lle queira botar. E co salgado tamén, chourizo, orella, lacón, roxóns" comenta María Alvite, veciña da Baña

Fariña, ovos e anís son ingredientes que se repiten en todos os doces de Entroido.

"O que é a flor, a orella, a folla de limón todo leva máis ou menos os mesmos ingredentes. Reladura de limón, ovo, fariña e un pouquiño de sal. E logo é fritilas e botarlles azucre por riba", apunta Arita Pais, veciña da Baña

Comeza a fin de semana máis forte dun Entroido que, ademais de divertido, sabe moi rico.

Noticias web

21/02/2020

Máis sobre actualidade