CRTVG

Buscar

Ryanair, condenada por cobrar pola equipaxe de man

Publicado o 20/11/2019 14:32

A sentenza considera abusiva a normativa de prezos de equipaxe de Ryanair. O xulgado declara nula a cláusula que obriga a pagar 20 euros por levar equipaxe de man na cabina do avión e ordena desterrala do contrato.

Todo a partir da reclamación dunha clienta que viaxaba de Madrid a Bruxelas. Cando foi embarcar cobráronlle o suplemento de 20 euros pola maleta. Non tiña a tarifa Priority, a única que, segundo Ryanair, permite levar dous vultos na cabina, unha maleta de man de ata dez quilos e outro de pequenas dimensións. O xulgado nega que esta política de tarifas de equipaxe estea amparada polo regulamento europeo en que se escuda Ryanair e engade que xera un grave desequilibro entre a compañía e os viaxeiros, en prexuízo do consumidor.

A sentenza é firme. Ryanair terá que devolver os 20 euros que lle cobrou á demandante, e tamén terá que pagar os xuros xerados. Líbrase da indemnización de 10 euros que lle pedían por dano moral, malia que o xulgado recoñece a rabia e a impotencia que sentiu cando lle cobraron o suplemento.

Noticias web

20/11/2019