CRTVG

Buscar

Rusia e Turquía acordan un alto ao fogo en Idlib a partir da medianoite

Publicado o 05/03/2020 20:16

Rusia e Turquía acordan un alto ao fogo en Idlib a partir da medianoite

Rusia e Turquía establecerán a partir desta medianoite un cesamento do fogo na provincia siria de Idlib, anunciou hoxe o presidente turco Recep Tayyip Erdogan. "Esta mesma medianoite estableceremos un cesamento do fogo", dixo Erdogan nunha conferencia de prensa conxunta co seu homólogo ruso, Vladímir Putin, tras reunirse durante seis horas no Kremlin. Ambos os mandatarios acordaron un documento que precisa os termos do cesamento das hostilidades e os intentos de Moscova e Ancara por manter en vigor o cesamento do fogo, tras varios intentos sen éxito.

Moscova e Ancara acordaron a creación "dun corredoiro de seguridade" ao longo da estrada M4, que une Alepo con Latakia. Ese corredor, puntualizou Lavrov, que estaba acompañado polo seu homólogo turco, Mevlüt Çavusoglu, terá unha profundidade de "seis quilómetros ao norte e seis quilómetros ao sur". Os termos específicos do funcionamento deste corredoiro de seguridade serán acordados nun prazo de sete días polos ministerios de Defensa de Rusia e Turquía.

Os dous países tamén comezarán unha patrullaxe conxunta ao longo da estrada M4 a partir do 15 de marzo, explicou o xefe da diplomacia rusa, minutos despois de que Putin e Erdogan anunciasran o acordo para frear a escalada da violencia en Idlib. "Acordamos un documento conxunto (...) con decisións sobre Idlib que serán unha boa base para cesar as accións militares na zona de desescalada", afirmou Putin ao presentar o pacto. O líder ruso cualificou de "positivo" o resultado da reunión con Erdogan en Moscova e confiou en que permitirá "poñer fin ao sufrimento da poboación civil" en Siria.

Putin indicou que Moscova non sempre comparte as valoracións de Ancara sobre a situación en Siria, pero en "momentos críticos" as partes logran atopar puntos comúns e "dar con decisións aceptables". "O mesmo ocorreu hoxe", asegurou o xefe do Kremlin, quen lembrou que esta é a súa terceira reunión con Erdogan no que vai de ano.