CRTVG

Buscar

Róubanlle 20.000 euros a un veciño de Lourenzá que gardaba nunha vivenda deshabitada da súa propiedade

Publicado o 11/12/2019 14:37

Os ladróns entraron de madrugada no primeiro andar dun edificio de vivendas no centro de Lourenzá. Levaron 20.000 euros en metálico que o propietario gardaba nun dos cuartos, así como un reloxo de alto valor e diversas xoias. Para iso, forzaron a porta do portal e a do piso e remexeron toda a vivenda. Dado que nos outros pisos non vive ninguén, puideron actuar sen seren escoitados nin vistos.

O dono dos cartos roubados, un empregado de banca xubilado, vive nunha casa a uns douscentos metros do lugar do roubo e só acode esporadicamente ao piso. Moi afectado polo acontecido, rexeitou falar ante as cámaras pero dixo que os 20.000 euros eran os aforros de toda unha vida. Tamén se amosou convencido de que os autores do roubo puideron vixiar os seus movementos ou mesmo ser coñecidos del xa que sabían que gardaba os cartos na vivenda. Agora xa presentou denuncia ante a Garda Civil e un equipo da Policía Xudicial de Burela estivo recollendo pistas no inmoble.

Os veciños de Lourenzá non tiveron noticia do acontecido debido, precisamente, a que nin no edificio asaltado nin no lindeiro reside ninguén e tampouco se viu ninguén sospeitoso pola vila estes días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019