CRTVG

Buscar

Rouban un ordenador portátil e galletas nunha escola infantil de Coirós

Publicado o 05/02/2019 14:11

Foi a nai dun dos alumnos que acode a esta escola infantil de Coirós, preto de Betanzos, a que se decatou do asalto ao ver as portas abertas e todo ciscado polo chan.

Os ladróns aproveitaron a fin de semana para entrar por unha ventá da parte de atrás do edificio na busca de non se sabe moi ben que.

"Tomaron o seu tempo. Teño sempre unha caixa de galletas para os nenos e coméronas porque estaban os papeis tirados por un lado e a caixa por outro. Un bote de chuches tamén. Un desastre. Todo tirado polo chan. A verdade é que desanima".

Na escola hai nove alumnos, sete nenos e dúas nenas de entre tres e seis anos. Os seus recursos son moi limitados. O máis valioso que tiñan era un ordenador portátil para as clases de apoio de audición e linguaxe e de educación física.

"Por favor, que nos devolvan o ordenador que teño toda a programación do curso e as fotos dos nenos e dáme moita pena. Agora estamos empezando o curso e está toda a documentación. Agradecería moito que o devolvesen".

A escola infantil do Fontelo utiliza parte do local da asociación Fillos de Ois, creada a principios do século vinte por veciños da parroquia emigrados na Arxentina. Hai tres anos xa foi obxectivo dos ladróns.

Noticias web

05/02/2019