CRTVG

Buscar

Rouban mil euros a un veciño de Oleiros e branquéanos usando criptografía

Publicado o 17/08/2020 13:10
Rouban mil euros a un veciño de Oleiros e branquéanos usando criptografía

A Garda Civil procedeu á detención dun home residente en Torrexón de Ardoz (Madrid) e á expedición dunha orde europea de detención doutro home de nacionalidade francesa, residente en Montbeliard, como autores dun delito de estafas utilizando as novas tecnoloxías.

A operación, denominada MANTHER3, levada a cabo polo Equipo de Estafas Telemáticas da Compañía Gardia Civil de Coruña, a cal contou co apoio operativo do Policía Local e Policía Nacional de Torrexón de Ardoz (Madrid), finalizou coa identificación e detención destes dous homes.

A operación comezou por mor dunha denuncia interposta no cuartel da Garda Civil de Oleiros (A Coruña), en que a vítima expoñía que lle realizaban unha transferencia fraudulenta desde a súa banca en liña por importe de 1.000 euros sen poder executar ningún tipo de cancelación da mesma.

Tras a investigación deste equipo, puido determinarse que os detidos utilizaron un malware bancario (phishing) para facerse cos datos persoais, podendo acceder así ás contas bancarias do denunciado.

Inmediatamente, introduciron os seus datos de forma telemática nas distintas contas GETHER, as cales utilizaron a modo de ponte para posteriormente realizar a merca de criptomoedas para extraer fisicamente o diñeiro branqueado a través da criptografía.

Ademais, un dos supostos autores usurpou unha identidade ao utilizar datos dunha carta nacional francesa dunha terceira persoa para crear a conta final que utilizaba para controlar o fluxo de diñeiro do resto de contas ponte das 'mulas informáticas'.

Aos investigados non lles constaban outros feitos delituosos co mesmo modus operandi. O corpo remitiu dilixencias ao Xulgado de Instrución de garda da Coruña.