CRTVG

Buscar

Rouban lámpadas solares en Cambados: duraron unha semana escasa

Publicado o 25/08/2020 13:52

A nova iluminación da senda peonil do muíño da Seca, en Cambados, durou unha semana escasa ata que os vándalos fixeron das súas. Os cinco focos que desapareceran xa foron repostos.

Na senda peonil do muíño da Seca, en Cambados, unha semana despois de que se colocaran unhas lámpadas solares, xa se botaron en falta cinco. Algunha levárona co poste e todo.

"Eu veño coa muller pasear e dixemos a ver canto van durar? E aos dous días xa faltaba unha. E logo foron máis", dinnos.

Son moitos os veciños que pasean ou fan deporte por aquí e os residentes no Corvillón utilizan este paseo para achegarse ao centro urbano. Non entenden este estrago en algo que é bo para todos.

"É ridículo que rouben estes aparellos que non teñen valor. É por facer mal ou para un predio. Para un piso non se leva".

Os participantes no obradoiro de emprego que fixeron a obra xa repuxeron os farois que faltaban. Colocáronos de xeito que sexa máis difícil quitalos.

Desde o Concello anuncian que a Policía Local vai aumentar a vixilancia e piden a colaboración da veciñanza para impedir estes actos vandálicos.

Noticias web

25/08/2020