CRTVG

Buscar

Rouban en Sarria motoserras valoradas en 5.000 euros

Publicado o 04/11/2019 14:11

Foi de madrugada, entre as dúas e as tres da mañá, e aproveitando unha noite de intensa choiva cando os ladróns asaltaron esta tenda de maquinaria agrícola de Sarria. Accederon ás instalacións pola parte traseira da nave e despois rebentaron unha porta lateral cunha viga de madeira. A alarma comezou a soar pero o roubo foi moi rápido. As cámaras de seguridade captaron como dous homes foron dereitos a coller as mellores motoserras que había no expositor.

Os ladróns evitaron a estrada que pasa diante da tenda e fuxiron pola parte traseira e cargados coas motoserras subiron por este noiro ata unha leira en que tiñan un vehículo.

Nos últimos meses rexistráronse na zona preto dunha vintena de roubos que ten os comerciantes desesperados e atemorizados. Quéixanse da falta de medios e de vixilancia e denuncia que á vila aínda non chegaron os reforzos prometidos.

Este é o segundo roubo que sofren aquí en menos dun ano. Da outra volta os danos e as perdas foran aínda maiores. Daquela rebentaran o escaparate da fachada principal e leváranlle 13 motoserras.

Noticias web

04/11/2019