Rómpenlle seis costelas a unha muller en Vigo durante un intento de roubo
Unha veciña de Vigo acabou na unidade de coidados intensivos con 6 costelas rotas, tras ser asaltada por un ladrón para roubarlle o bolso.
A muller regresaba á casa tras rematar a súa xornada laboral nunha empresa de limpeza. Mentres camiñaba notou como un home a perseguía e neste punto, na rúa Pinal Adentro, o detido asaltouna por detrás e deulle un forte tirón para arrebatarlle o bolso.
Isto provocou que a muller caera ao chan e se golpeara contra a beirarrúa. Foi unha viandante a que alertou os servizos de emerxencias.
Ao lugar trasladáronse a Policía Nacional e unha ambulancia do 061 que trasladou a muller ao hospital Povisa. Debido á caída tiña 6 costelas fracturadas polo que foi derivada á unidade de coidados intensivos.
A policía xa arrestou o ladrón, ao que lle constan 24 detencións anteriores. Segundo a filla da vítima, a muller evoluciona favorablemente das súas feridas.