CRTVG

Buscar

Roma decreta o toque de queda e Alemaña marca outro récord de contaxios

Publicado o 22/10/2020 10:37

Roma e toda a rexión do Lazio, onde viven case 6 millóns de persoas, estreará a partir deste sábado o toque de retirada nocturno para frear o coronavirus.

Estará vixente entre a medianoite e as cinco da mañá e durante este tempo quedarán prohibidos os desprazamentos que non sexan estritamente necesarios.

A rexión lacial segue a senda marcada polas outras dúas rexións máis poboadas do país, a Campania no sur e a Lombardía no norte, onde o virus está a ser especialmente virulento.

Nas últimas 24 horas, o conxunto de Italia sumou máis de 15.000 novos contaxios por covid-19, a cifra máis alta rexistrada desde o inicio da pandemia, e 127 falecidos.

Bélxica tamén rexistrou o seu récord diario de casos novos, máis de 13.000 e 50 falecidos.

Soben tamén os ingresos nos hospitais belgas e a incidencia media acumulada nos últimos 14 días é de 927 casos por cada cen mil habitantes, só superada dentro da Unión Europea pola República Checa.

Os novos contaxios aumentan tamén en Alemaña, con máis de 11.000 na última xornada. Nalgúns barrios de Berlín ou do estado de Baviera, no sur do país, a incidencia supera os 200 casos.

En Irlanda, as autoridades poderán multar con ata 2.500 euros ou 6 meses de cárcere os organizadores de festas en domicilios particulares, prohibidas desde este xoves co inicio das seis semanas de confinamento.

Noticias web

22/10/2020