CRTVG

Buscar

Ritz Carlton asume o sobrecusto do cruceiro en Barreras e fará o xemelgo

Publicado o 27/12/2019 21:00

• A compañía desembarcará no estaleiro vigués para dirixir a súa reestruturación

Ritz Carlton, a través da sociedade Cruise Yacth Upper Holdco Limited (CYUHL), anunciou este venres, nun comunicado conxunto con CESCE e Caixabank, que asume o sobrecusto no prezo final da construción do Evrima, o cruceiro de luxo nas bancadas do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, e que mantén o contrato, asinado en maio de 2019, para a construción dun buque xemelgo.

O estaleiro fala dun "claro compromiso" para lograr unha reestruturación global que restableza o equilibrio patrimonial de Barreras e sinala importantes avances para lograr un acordo de refinanciamento do estaleiro que garanta o seu futuro, todo o cal xa foi comunicado a todos os accionistas.

A compañía conta co 75 por cento dos dereitos de voto, segundo anunciou noutro comunicado o pasado día 2, tras alcanzar un acordo con PMI (de Pemex), socio maioritario, e Albacora.

Estes avances que hoxe anuncia, continúa, son parte da reestruturación total segundo as necesidades trasladadas por Barreras, a cal supoñerá o nomeamento temporal de experimentados equipos externos que traballarán pola continuidade do estaleiro.

Estes novos equipos, cos seus respectivos directores, encargaranse de completar a construción do Evrima, así como doutros posibles contratos de Barreras, e serán a base para que o estaleiro vigués obteña novos e rendibles negocios no futuro.

"Estamos encantados de contar co apoio de CESCE e os bancos financeiros liderados por Caixabank para lograr entre todos o necesario para reiniciar a produción. Estes socios, xunto con Pemex e Albacora, foron colaboradores fundamentais para lograr esta solución para Hijos de J. Barreras", dixo Douglas Prothero, CEO de CYUHL.

"Sabemos que este pode ser un momento do ano difícil para aqueles que están preocupados tamén polo futuro do estaleiro. Gustaríanos darlle as grazas aos traballadores, provedores e auxiliares pola súa paciencia e apoio mentres traballamos para encaixar todas as pezas da solución. Estamos comprometidos en recomezar a produción canto antes", engadiu.

"CESCE confiou no plan de negocio e o equipo administrador de CYUHL desde o principio", engade  Prothero, que agradece o esforzo de CESCE por manterse en contacto con todas as partes desde o principio para tratar de atopar unha solución que dese viabilidade ao estaleiro.

"Nestes meses quedou claro que CYUHL foi o único que puxo sobre a mesa unha proposta viable para reiniciar a produción no estaleiro canto antes, e desde esta base, CESCE continúa traballando estreitamente con CYUHL, os bancos e o estaleiro para facelo posible", conclúe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí