CRTVG

Buscar

Ribadavia celebra a XXXIª edición da Festa da Istoria

Publicado o 31/08/2019 21:17

Co xantar medieval, ambientado ao máis puro estilo das antigas cortes feudais, comezaba a sesión de tarde na Festa da Istoria. Un ano máis, Ribadavia encheuse de xente para celebrar a súa festa de Interese Turístico Nacional.

As rúas do barrio xudeo engalanadas, o mercado medieval e os traxes de época mergúllannos na Festa da Istoria.

Pero é na antiga igrexa da Madalena, transmutada en salón nobre de banquetes, onde damos o salto ao medievo: "Nós representamos o rei García I de Galicia e Leonor de Córdoba. O noso é presenciar, estar aí, porque veñen convidados de Castela, de todas partes e hai que estar aí".

Aquí cómpre vir correctamente ataviados, e previa reserva. Só hai espazo para cen comensais: "Mira que xantar. Polbo, empanada, queixos, agora cabrito... Temos de todo". "A comida ben, o sitio apropiado e o ambiente ben, todo ben".

Fóra, o calor aperta pero non disuade. Mesmo hai que se atreve a participar na carreira de pipotes: "É bastante dura, porque é unha costa moi empinada e nós temos unha experiencia bastante grande de fai 6 ou 7 anos... ou dez! Este ano, se gañamos é o décimo".

Gañaron, un ano máis. Para eles van dez. Para a Festa da Istoria, 31, desde aquel afastado 1989 en que botou a andar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019