CRTVG

Buscar

Atopan armas e cartos na vivenda de Fornelos onde se agochaban os líderes de Resistencia Galega

Publicado o 23/06/2019 10:34

Fornelos de Montes estivo hoxe no centro do foco informativo, porque alí se desenvolveu un longo rexistro no agocho empregado polos líderes de Resistencia Galega, detidos hai unha semana. Neste concello da área metropolitana de Vigo residiron durante catro anos. As pescudas realizadas hoxe por un equipo especial da Garda Civil duraron dez horas e remataron pasadas as seis da tarde. Os axentes atoparon un fusil na residencia dos encausados.

Desde Madrid chegaron axentes de criminalistica da Garda Civil para rexistrar a vivenda na aldea abandonada do concello de Fornelos de Montes, onde se agocharon nos últimos catro anos o suposto líder de Resistencia Galega, Antón García Matos, alcumado Toninho, e a súa parella, Asunción Losada Camba. O rexistro prolongouse durante varias horas. Os axentes xa requisaran documentación e arquivos encriptados noutro rexistro anterior nesta localidade pontevedresa e en Oxén, na provincia de Ourense. Nesta ocasión, o obxectivo era completar a operación á luz de novos datos e coa presenza in situ dos encausados, incluíndo tamén a realización de diversas probas; entre outras, as relacionadas co ADN. A unidade da Benemérita que realiza estas pescudas é a mesma que levou a cabo a investigación sobre o caso Diana Quer.

Tanto Toninho como Asunción Losada foron trasladados a primeira hora da mañá ata o concello de Fornelos de Montes desde o cárcere da Lama, onde permanecen ingresados desde o martes desta semana por orde do titular do xulgado de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, Manuel García-Castellón. Os dous viviron ao longo de catro anos como únicos residentes neste lugar, a antiga comuna hippy de Baños que fora abandonada hai tempo, pero baixaban con moita frecuencia ata Fornelos. Algúns veciños que os trataron sinalaron que estaban moi visibles e que sempre se amosaron "amables" e "educados". Toninho e Asunción Losada pasaron eses catro anos en circunstancias difíciles, xa que na súa vivenda non dispoñían de auga nin de electricidade.

Quizais esa circunstancia explique o aspecto que presentaban hoxe, que dista considerablemente do que figuraba nas fotos divulgadas na última semana. Ambos foron detidos o sábado pasado no centro comercial A Laxe, de Vigo, onde supostamente se citaran cun enlace de Resistencia Galega, que tamen foi apreixado. Transcendeu que o obxectivo dese encontro era preparar un hipotético atentado o 25 de xullo, Día de Galicia, aínda que este extremo non foi confirmado por fontes da investigación.
Resistencia Galega, considerada polo Ministerio do Interior como a organización terrorista herdeira do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, ten 14 anos de vida. Nese tempo realizou uns sesenta atentados contra entidades financeiras, insititucións, inmobiliarias ou organizacións empresariais, pero en ningún dos casos houbo vítimas mortais e a organización estaba practicamente inactiva nos últimos cinco anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/06/2019