CRTVG

Buscar

España segue a detectar novos gromos e varias comunidades amplían as restricións

Publicado o 01/08/2020 14:52

Nestes momentos hai preto de 500 brotes activos en España e continúan aparecendo gromos novos. Por exemplo, en Andalucía, que onte sumou trece, detectaron hoxe 7 máis.

Castela e León vai tomar medidas máis estritas en dous concellos de Valladolid, Íscar e Pedrajas de San Esteban, onde se van limitar as entradas e saídas para frear os contaxios. E Estremadura multará os que celebren reunións de máis de quince persoas.

Cataluña di que ten os brotes máis controlados pero informou de 1.367 contaxios e 19 mortes nas últimas vintecatro horas.

Madrid tamén detectou dous gromos máis e no País Vasco sumaron 200 contaxiados desde onte, 13 nunha discoteca de Bilbao e séguenlles facendo probas aos que estiveron nela.

Cantabria tamén está preocupada polo crecemento de casos na comunidade. O conselleiro de Sanidade ten claros os motivos.

Exemplo de incumprimento é a fuxida de preto de 60 migrantes deste centro de Cartaxena, en Murcia, que estaban en corentena. Ou o ocorrido de madrugada en Algorta, en Getxo, onde a pesar de que se suspenderan as festas, a policía tivo desaloxar un cento de persoas reunidas na rúa bebendo.

Respecto ao ocio nocturno e as reunións sociais, fonte da maior parte dos contaxios actuais, o ministro Illa fixo un chamamento á xente nova.

Noticias web

01/08/2020