CRTVG

Buscar

O xuramento dos presos separatistas afasta aínda máis a PSOE e C's

Publicado o 23/05/2019 08:16

Primeira xuntanza hoxe da Mesa do Congreso para estudar a suspensión dos deputados cataláns que están en prisión preventiva.

Meritxel Batet escoitará a opinión de todos os grupos, mentres a Fiscalía pide a suspensión. A presidenta do Congreso demandoulle máis aclaracións ao Tribunal Supremo. Quere que sexan os seus maxistrados quen aclaren que e é o que poden facer ou non persoas que están en prisión preventiva.

"Que sexa o Tribunal Supremo quen nos aclare en que situación quedan estas persoas", declarou.

A introdución da apostila "por imperativo legal" usada polos deputados de Herri Batasuna no 89, foi avalada polo alto tribunal. Pero Batet acepta o envite do PP para abrir un debate sobre a necesidade ou non de pechar a fórmula de acatamento no regulamento do Congreso. Escoitará todos os grupos.

En Unidas-Podemos, Jaume Asens, explica: "Estamos debatendo, porque é unha situación nova dunha enorme complexidade".

Mentres, PP e Ciudadanos volveron reprochar ao PSOE pola fórmula escollida polos presos para o xuramento.

Albert Rivera, presidente de C's, dixo:  "O grave non é que houbese separatistas e procesados alí, o grave non é que houbese golpistas. É que tiña unha cómplice e un partido cómplice. A cómplice chámase Meritxel Batet, e Sánchez, e o partido é o Partido Socialista".

Pablo Casado, o líder do PP, considera que  "o cabalo de Troia xa chegou ao Congreso, era un regalo, parecía que era un partido moi novo, e que ben e que divertido e que moderno é agora iso de ser de esquerdas e o diálogo e a moderación e o bo 'rollo' e o talante. É un cabalo de Troia".

Pedro Sánchez lamentou que nos días pasados no Congreso se visualizase "unha dereita descolocada, que non sabía en que escano sentar, a outra dereita desconcertada pola derrota electoral do pasado 28 de abril, e a outra dereita desaforada nese xiro á extrema dereita, impropio dun partido liberal en Europa".

O presidente do Goberno en funcións pediulles a PP e Ciudadanos que contribúan á gobernabilidade ou se boten a un lado para permitir os avances que, dixo, precisa España.

A posición dura de Ciudadanos abre, segundo o xornal El País, a porta a que Podemos poida obter postos no goberno. Onte en Ferrol, Iglesias explicaba que as reticencias dos poderes económicos son a demostración de que se poden cambiar as cousas. 

"Pois dámoslles as grazas á CEOE e a Ana Patricia Botín porque non convenceron de que é fundamental que esteamos no goberno", dixo o secretario xeral de Podemos.

Desde Ourense, o vocerio do PNV, Aitor Esteban, tamén se abriu a un pacto co PSOE.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019