CRTVG

Buscar

Reunión entre Sánchez e Casado na Moncloa nun clima de bloqueo

Publicado o 17/02/2020 08:27

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recibe este mediodía na Moncloa o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, nun momento en que as relacións entre ambos están máis distanciadas ca nunca. Sánchez pedirá ao líder da oposición que se sume ao diálogo político, social e territorial. O PP xa adiantou que acode por lealdade institucional, pero non dará o seu apoio sobre Cataluña ou os orzamentos.

A última reunión entre Sánchez e Casado fora en decembro e apenas durara 45 minutos. A de hoxe, a primeira de 2020, terá como pano de fondo Cataluña, a economía, pero tamén as vindeiras citas electorais en Galicia e en Euskadi.

Ante o comité federal do PSOE deste sábado, Sánchez aseguraba que o obxectivo do encontro é crebar o actual bloqueo co líder da oposición e iniciar unha nova etapa de diálogo social e político.

"Aqui non sobra ninguén, ningunha lingua nin ningunha cultura. Tampouco a oposición, empezando polo PP, ao que tendemos a man de novo para que se sume ao diálogo social e territorial", dicía Sánchez.

Á parte do conflito catalán, en Moncloa aseguran que esperan poder tratar co líder da oposición outras cuestións fundamentais como o Pacto de Toledo, o financiamento autonómico ou a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.


Pero o PP xa adiantou que Casado acode á cita por unha soa razón.

"Casado acudirá por lealdade institucional", dicía o vicesecretario de comunicación do PP, Pablo Montesinos. 

Sen moitas expectativas, por tanto, Casado proporalle a Sánchez pactos de Estado, pero tampouco aforrará críticas, sobre todo respecto ao diálogo do presidente do Goberno cos independentistas.

"Pedro Sánchez non ten ningunha intención de volver á moderación, á centralidade. Porque está encantado de que os seus aliados sexan Torra, Junqueras e Rufián", dicía Montesinos. 


Casado vaille reiterar a Sánchez que non convoque a mesa de diálogo bilateral con Cataluña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2020