CRTVG

Buscar

O Chicle puido fallar no primeiro intento de lanzar a Diana ao fondo do pozo lastrada con bloques

Publicado o 18/11/2019 10:47

O corpo de Diana Quer somerxido no pozo de Asados estaba completamente espido. Asegurárono os axentes da Policía Xudicial, que hoxe declararon no xuízo, e que estiveron presentes durante o levantamento do cadáver.

Os axentes tamén aseguraron que José Enrique Abuín, o Chicle, coñecía perfectamente a nave de Asados onde se localizou a Diana, e destacaron a frialdade do acusado.

E tamén confirmaron a aparición dunha brida enganchada ao cabelo de Diana, que contiña outros restos orgánicos como pel. Ante a atenta mirada do acusado, un dos axentes dixo que a brida non puido enredarse casualmente no cabelo, gañando forza o argumento da acusación, que cre que o Chicle asfixiou a súa vítima cunha brida despois de agredila sexualmente.

José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, puido fallar no seu primeiro intento de lastrar a Diana Quer no pozo no que se localizou o seu corpo, segundo o testemuño dun axente de Criminalística na quinta sesión da vista oral, onde se exhibiu un cable enclenque, que sería o inicial, e outro máis  robusto e con dúas asas.

Este segundo si permitiría ter o control sobre o peso dos dous bloques para soltalos nese silo  cilíndrico dunha antiga fábrica de gasosas que o único procesado coñecía perfectamente como quedou demostrado na súa declaración o 31 de decembro de 2017 no interior dese inmoble e ante os investigadores.

"Sorprendeunos a actitude fría do acusado falando das medidas da nave", declarou o primeiro dos comparecentes, e o seu compañeiro, da mesma unidade, engadiu que O Chicle se adiantara mesmo ás medicións efectuadas por eles ata o punto de chegar a dicirlles as dimensións que tiña ese local en venda en que traballara.

"O que había de columna a columna", confesou, e mostráronse ambos moi sorprendidos polos seus coñecementos.

O primeiro dos comparecentes relatou na sala que baixou case vinte chanzos desde a entrada ata o soto en que se atopaba ese pozo e onde tanto a acusación particular como o Ministerio Fiscal sitúan o crime.

Desde o inicio do seu testemuño deduciuse que O Chicle planeara tirar a Diana alí e que para iso tivo que facer, presumiblemente, dous intentos, co fin de que quedase no fondo; de feito, o cadáver completamente espido localizouse con dous bloques cerámicos atados por un cable cuxas características non se corresponden cos amarres achados no edificio.

Así, apuntou que se interviñeron catro bloques cerámicos anoados, con características compatibles con dous posibles lastramentos.

No fondo localizáronse dous bloques de material cerámico unidos por un cable de electricidade co que o corpo de Diana puido ser contrapesado unha primeira vez. E este si pode ser compatible con algún cable dos situados na nave de Asados.

Con todo, o corpo como tal apareceu lastrado con outros dous bloques de similares características pero con outro cable dunha rede de datos e que non coincide con ningún dos que se requisaron e que, ademais, estaba "cortado", con algún obxecto. E preto do pozo, apareceu, segundo a testemuña, un coitelo que puido empregarse para iso.

Así mesmo, na antiga fábrica de gasosas había un cable correspondente a unha rede de datos pero que non presentaba "correlación directa" co do pozo, xa que hai diferenzas na numeración dos mesmos.

Os bloques que lastraban o corpo de Diana, relatou o axente, presentaban tamén unha unión "rechamante", un "nó que non é moi común" e que tiña como finalidade poder controlar os bloques antes de deixalos caer ao fondo do buraco.

Sobre as pertenzas atopadas na auga, o investigador asegurou que só estaban o bolso da vítima e varios botes con útiles de aseo persoal -xampú, desodorizante- que puideron caer deste porque estaba aberto.

Engadiu que, a pesar de que o cadáver se atopou "completamente espido", a única peza de roupa extraída do pozo foi unha peza interior de Diana. Ao drenar, descubriuse, e houbo que filtrar a area.

O axente asegurou que se atoparon dúas bridas, unha no fondo do pozo e outra anoada no pelo da rapaza, e considerou "moi pouco probable" que se enredase de forma accidental. Igualmente, acháronse "anacos" doutras bridas.

Durante a proba testemuñal, o axente deu conta da mala visibilidade existente na nave que dificultaría desprazarse pola mesma e baixar, sen luz, os mencionados chanzos cara ao soto en que se atopaba ese buraco onde se tirou o corpo de Diana.

O grao de inclinación é importante, describiu, e considerou "inviable" camiñar sen unha lanterna, "porque é moi grande e sénteste perdido". "Baixar cun corpo sería moi complicado, se é que non caes", exemplificou.

O experto destacou que o acusado coñecía o inmoble perfectamente e así, expuxo, deixouno el mesmo acreditado a noite do levantamento do cadáver cando se dirixiu aos investigadores aos que guiou cara alí, ao verse descuberto, incluso indicando "as medidas que tiña a nave".

"Sorprendeunos moito esa actitude fría e indiferente", dixo.

Esta mesma testemuña revelou que o acusado en efecto puido vencer a rixidez do corpo para introducir a Diana no pozo no caso de que tivese as pernas xa arqueadas nese momento, ao que a avogada defensora, Fernanda Álvarez, contestoulle se era el un facultativo para facer comentarios así: "É vostede médico?".

E insistiu esta letrada, como en días anteriores, en facer ver que fallou a cadea de custodia da  brida anoada ao pelo.

Este luns prestaron tamén testemuño un amigo de Diana, que non lembraba unha conversación mantida con ela a noite do feitos pero si que non notara perigo, e dúas mulleres que, como el, non achegaron gran cousa, pois describiron o episodio dun home que estaba a molestar a mozas na verbena da Pobra á que foi Diana, pero que non ten nada que ver con este caso.

O Chicle, vestido coa mesma roupa que en xornadas anteriores, unha vez máis, non presenciou a emisión de imaxes comprometidas. 

Esta será unha semana clave para aclarar se Abuín agrediu sexualmente e asasinou despois a moza madrileña. Algo que determinará se é condenado a prisión permanente revisable ou se se lle aplica unha pena menor por homicidio involuntario, tal e como pide a súa defensa. O venres presentaranse as conclusións e será o luns, previsiblente, cando se coñeza o veredicto do xurado popular.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/11/2019