CRTVG

Buscar

Retiran un niño de velutina de case dous metros de diámetro nun faiado en Cuntis

Publicado o 17/10/2019 14:18

"Dúas, capas, tres capas, catro capas....", vai contando Miguel Ángel Couto, responsable de Protección Civil en Cuntis. Así, ata nove capas perfectamente estruturadas no niño de avespas velutinas atopado hai uns días nun faiado de Calvos, en Cuntis.

Sara Rei, a dona da vivenda, quedou asombrada co grande que era o niño e gabou o traballo dos operarios que o retiraron. "Descomunal", segundo Miguel Ángel Couto, que explica que non era suficiente o material que prevían inicialmente utilizar para retirar o niño. Por iso decidiron que mentres un taponaba a entrada, o outro inxectaba o líquido que acabaría coas avespas, e mentres tanto, "o ruído que facían era descomunal".

É un dos niños máis grandes que lembran aquí, cun metro oitenta centímetros de diámetro que houbo que romper para poder sacar polo oco da escaleira. Logo levárono á base de Protección Civil, pero tivérono que destruír porque as larvas continuaban vivas.

"Abrímolo de todo e comprobamos que o líquido é moi bo para matar as avespas que están fóra das larvas, pero o que está dentro das larvas, nada".

Os equipos de Protección Civil retiraron máis de cen niños de velutinas nunha soa semana na zona de Cuntis, Moraña e Portas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019