CRTVG

Buscar

Retiran do Sar a virxe de pedra do século XIV que atopou un pescador

Publicado o 15/06/2020 21:41

Xa sacaron do río Sar, en Santiago, a virxe de pedra que atopou por casualidade un pescador. Os operarios de Patrimonio levantaban este achado, que agora haberá que estudar a fondo. Cren que no seu día a figura estivo suspendida nalgún mosteiro ou igrexa, e que se trata dunha peza de estilo gótico galego do século XIV. 

Historia e arte viva no lugar menos pensado, no medio do río Sar, en Compostela, nunha zona empedrada e pouco accesible. Din no lugar, moi próximo ao psiquiátrico de Conxo, que aí só van os pescadores. E se van, van ás troitas, pero Fernando Brei ese día non pescou nada, tropezou cunha pedra e a imaxe da virxe sorprendeuno. Tanto que foi axiña xunta unha amiga taxadora de arte que a identificou e comunicou o achado a Patrimonio. Orenouse o levantamento inmediato dunha peza que, á espera de conclusións definitivas, segundo os expertos data do século XIV e ten un gran valor arqueolóxico.


Era a emoción e o desexo do seu descubridor pouco despois de que a retetiraran. Os traballos levaron aproximadamente tres horas.

Levantar, confírmanolo, uns 300 quilos. 300 quilos de pedra que perdeu toda a policromía e que, ou perdeu tamén a parte do rostro ou é o resultado da desacralización. A virxe ten dous anxos laterais e parece que estaba suspendida porque a decoración da base está ben conservada.

Tratáse dun achado tan curioso como real. Por iso todos nos preguntamos como chegou a virxe ata aí. Crese que puido formar parte dunha presa que se derrubou, cren os veciños do lugar, que procede do psiquiátrico.

Sexa como for, todo son hipóteses. Hipóteses dunha virxe que, logo deste encontro fortuíto, deixou o río para instalarse no Museo das Peregrinacións, onde determinarán o seu valor patrimonial.




 

Noticias web

15/06/2020