CRTVG

Buscar

Tres menores tiveron que ser rescatados do río Mero, en Cambre

Publicado o 25/02/2019 13:25

Tres menores duns quince anos tiveron que ser rescatados do río Mero, en Cambre, este domingo. Botáronse ao río nas inmediacións da depuradora de Emalcsa e non conseguiron saír da auga polos seus propios medios.

Un home que camiñaba polo paseo fluvial do río Mero, en Cambre, escoitou uns berros contra as cinco da tarde do domingo. Tres mozos estaban na auga e loitaban para que nos os arrastrase a corrente. Estaban preto das instalacións da depuradora onde se trata a auga que se consome en toda a comarca da Coruña, e que é un lugar onde non está permitido o baño. O home alertou o 112.

Dous axentes da Policía Local de Cambre foron os primeiros en acudir á chamada e rescatar dous dos rapaces. Cando chegaron os axentes da Garda Civil aínda quedaba un dos adolescentes na auga, suxeito a unha das comportas da presa, pelexando para que non o levase a corrente. Tiveron que utilizar unha escaleira para poñelo a salvo.

Os tres mozos, duns quince anos de idade, tiñan síntomas de hipotermia debido ao tempo que pasaron no río. O persoal dunha ambulancia desprazada ao lugar axudounos a entrar en calor e os rapaces regresaron á casa polos seus propios medios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2019