CRTVG

Buscar

Rescatan dous migrantes en Melilla do cadro de mandos e dos baixos dos asentos dun coche

Publicado o 21/11/2019 13:14
Rescatan dous migrantes en Melilla do cadro de mandos e dos baixos dos asentos dun coche

A Garda Civil rescatou dous inmigrantes que foron localizados ocultos no cadro de mandos e baixo os asentos traseiros dun vehículo que pretendía acceder a Melilla procedente de Marrocos polo paso fronteirizo de Beni-Enzar, o máis importante da cidade autónoma.

Nunha nota de prensa, a Comandancia da Garda Civil de Melilla informou de que os feitos ocorreron sobre as 12.30 horas deste mércores cando se solicitou ao condutor dun vehículo con matrícula marroquí que se parase para rexistralo.

Os axentes sospeitaron e empregaron unha máquina que detecta latexados do corazón, que ata en tres ocasiones indicaba a presenza positiva dun ser vivo oculto.

No rexistro foi localizado un mozo de 17 anos que ía colocado de forma transversal ocupando todo o interior do cadro de mandos, que tivo que ser auxiliado para liberalo.

Ao presentar o vehículo evidentes síntomas de manipulación en distintas zonas, os axentes continuaron co rexistro e localizaron un dobre fondo baixo os asentos traseiros, onde se atopaba oculto outro home de 19 anos.

O rescate desta persoa presentou máis dificultades, xa que o reducido espazo no que se atopaba dificultou os labores de liberación.

Os dous migrantes, que presentaban síntomas de suoración, entumecemento e dificultade para andar, e estiveran expostos aos gases tóxicos que expulsa o vehículo, foron trasladados ao Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETI).

A Garda Civil detivo o condutor do vehículo, un marroquí de 30 anos, que pasou a disposición xudicial como suposto autor dun delito contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí