CRTVG

Buscar

Rescatadas catro persoas na Coruña e tres intoxicados en Oleiros por senllos incendios

Publicado o 18/02/2019 19:15

Esta madrugada declarouse un incendio nunha vivenda da Coruña. Por sorte, a familia que nese intre estaba no interior puido fuxir a tempo.

Cando chegaron os bombeiros o lume xa estaba controlado. Orixinouse nun termo eléctrico, e foi precisamente a auga que contiña a que fixo que non se estendese ao resto da vivenda. O que si provocou foi unha intensa fumareda. A parella e os dous nenos pequenos que estaban no interior non foron capaces de chegar á porta, polo que tiveron que saír da casa a través dunha pequena fiestra que conecta coas escaleiras. Grazas a isto, non se feriron.

En Oleiros, tamén esta noite tres persoas tiveron que ser trasladadas polos servizos de urxencias por unha intoxicación debido a un escape de gas.

Foi nesta vivenda, na parroquia coruñesa de San Xián de Serantes, en Oleiros. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Arteixo, a Policía Local e voluntarios de Protección Civil. Efectivos do 061 detectaron "altos índices" de monóxido de carbono no interior da vivenda, polo que foi necesario trasladar os dous adultos e un menor a un centro hospitalario.

Segundo os bombeiros, o escape puido deberse a un mal funcionamento da caldeira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019