CRTVG

Buscar

Requisan 2.000 quilos de patacas procedentes de zona en corentena pola couza

Publicado o 14/02/2020 21:41
Requisan 2.000 quilos de patacas procedentes de zona en corentena pola couza

Axentes da Garda Civil, do Seprona e de Seguridade Cidadá, interviñeron onte no municipio lucense de Ourol uns 2.000 quilos de patacas supostamente procedentes da zona en corentena para erradicar a praga da couza guatemalteca.

Segundo informou a propia Garda Civil, esa mercadoría foi detectada, precisamente, no marco das inspeccións que se están levando a cabo, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para controlar a praga da couza.

As patacas estaban envasadas en sacos e no interior de varios camións, polo que os axentes da Garda Civil incautáronse de forma cautelar da mercadoría e trasladárona a un almacén da Xunta de Galicia en Viveiro, para que a Consellería do Medio Rural se faga cargo da mesma.

Tamén queda por determinar a orixe da mercadoría e as responsabilidades en que poderían incorrer os que estaban á fronte deste cargamento se finalmente se demostra que as patacas procedían da zona en corentena na Mariña.