CRTVG

Buscar

O Concello de Santiago asume que a cidade terá que enfrontar novas medidas

Publicado o 19/10/2020 16:46

Santiago e os concellos veciños de Ordes e Ames seguen en alerta vermella pola repunta de casos de covid-19 nunha semana. Nas últimas 24 horas detectáronse con probas PCR 75 positivos novos na área sanitaria Santiago-A Barbanza. En total hai 762 casos activos, 43 máis ca onte, e 140 máis que o luns pasado. Máis da metade dos casos corresponden a Compostela. Hoxe hai 340 contaxiados, 40 máis ca onte, segundo os datos do Concello.

O alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, admitiu este luns que a cidade está "á espera" de que o comité clínico da Consellería de Sanidade tome novas medidas ante o aumento de contaxios na capital galega.

En conferencia de prensa, o rexedor admitiu que a situación na cidade, cunha incidencia de 340 casos por cada 100.000 habitantes, é "profundamente preocupante", sobre todo despois de que os datos empeoraran "na última semana".

O rexedor sinalou que está á espera de coñecer as decisións que o comité tomará na súa reunión de mañá e que, en todo caso, contarán co "apoio e a colaboración" do Concello compostelán.

Así, Bugallo declinou opinar sobre cales deberían ser as restricións para adoptar en tanto que non sería razoable que desde unha Administración local "pretendésemos marcarlle o guión" ás competencias autonómicas, afirmou.

Situación en Ordes e Ames

Os datos de Ordes corresponden ao venres. Segundo publicou o Concello, 28 veciños estaban contaxiados e catro deles tiveron que ingresar no hospital.

En Ames hai 89 veciños infectados. O 90% dos casos localízanse no Milladoiro, onde se detectou un gromo no mes de setembro e están vixentes limitacións de ocupación en negocios e de agrupacións de xente.

Na área sanitaria superáronse os datos de contaxios do mes de setembro cando se decretaron as restricións en locais comerciais e hostalería.

Tamén vai en aumento a presión hospitalaria en Santiago. 47 persoas están hospitalizadas, seis máis ca onte, oito delas na Unidade de Coidados Intensivos.


 

Noticias web

19/10/2020