CRTVG

Buscar

Renfe completará por estrada a conexión Pontevedra-Madrid dende Zamora

Publicado o 12/01/2021 19:13
Renfe completará por estrada a conexión Pontevedra-Madrid dende Zamora

O operador ferroviario Renfe estableceu un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros dalgúns servizos Madrid-Pontevedra e Pontevedra-Madrid debido ás temperaturas extremas e a neve orixinadas polo temporal dos últimos días.

Nun comunicado, Renfe especifica que o Alvia que saíu de Madrid este luns ás 18:25 horas con destino a Pontevedra (23.35) circulará ata Zamora e desde alí os viaxeiros encamiñaranse aos seus destinos por estrada.

Mañá mércores os clientes do Alvia que ten a súa saída de Pontevedra ás 5:47 horas con destino a Madrid (11:04) viaxarán en autobuses desde as estacións de orixe até Zamora, desde onde continuarán en tren a Madrid.

En función da evolución da situación meteorolóxica, esta circunstancia poderá repetirse nos días sucesivos días, advirte Renfe.

Se as condicións de viaxe non se axustan ás necesidades dos viaxeiros, Renfe ofrécelles a posibilidade de anular os billetes sen custo, segundo recalca no seu comunicado.Igualmente, o cliente poderá cambiar o seu billete sen custo se é para idéntica clase.

No caso de realizar a viaxe con transbordo en autocar, os clientes terán dereito á devolución do 20% do importe do billete do traxecto afectado. O reintegro ou o aboamento xerado producirase mediante o mesmo medio de pago previamente utilizado para a compra do título de transporte.

En caso de atraso, se o viaxeiro opta por realizar a viaxe, será acumulable, no seu caso, a posible indemnización derivada do atraso á chegada, se procede.

Noticias web

12/01/2021