CRTVG

Buscar

Á espera do veredicto do xurado popular polo crime de Labañou

Publicado o 09/09/2020 14:37

Rematou na Audiencia Provincial da Coruña o xuízo polo crime de Labañou cometido en abril do ano pasado. Unha vez concluída a proba pericial, as partes elevaron a definitivas as súas conclusións.

A Fiscalía mantén os 17 anos de cadea por un asasinato con aleivosía e a defensa cualifica os feitos como un homicidio imprudente. Agora o xurado popular deberá deliberar ata obter o seu veredicto.

Nesta terceira e última xornada do xuízo, os médicos forenses concluíron que a vítima tivo unha morte violenta por asfixia mecánica. Engadiron que o suposto agresor tivo que empregar moita forza e intensidade para chegar á morte.

Pola súa banda, os psiquiatras que exploraron o acusado explicaron que non sofre ningunha enfermidade mental nin trastorno de personalidade. Si trazos de personalidade esquizoide, pero que non afectan en absoluto a súa vontade nin a súa capacidade de comprensión dos feitos.

Por todo isto, a Fiscalía, nas súas conclusións finais, asegurou que o investigado tiña unha clara intención de acabar coa vida da vítima e que o fixo de xeito repentino e sorpresivo, sen darlle ningunha oportunidade de reacción defensiva. Así as cousas, mantén a súa pena de 17 anos de cadea ao considerar o acusado autor dun delito de asasinato con aleivosía.

Pola súa banda, a defensa, que tamén elevou a definitivas as súas conclusións iniciais, insiste en que é indiscutible que o procesado matou a vítima porque así o recoñeceu desde o primeiro momento, pero alega que actuou nun arrebato. 

Agora, os nove membros do xurado popular terán que decidir se o acusado é culpable de asasinato con aleivosía, tal como di o Ministerio Público, ou dun homicidio, imprudente ou non, como solicita a defensa.

Noticias web

09/09/2020