CRTVG

Buscar

Remata o loito oficial máis longo da historia da democracia

Publicado o 05/06/2020 15:24

Os reis de España gardan silencio polas vidas que crebou o coronavirus. Fixérono durante a súa visita a un centro de transportes en Madrid. Mantendo a distancia física Filipe VI e a raíña Letizia mostraron o seu respecto, xunto a outras autoridades e traballadores, no derradeiro dos dez dias de loito oficial. Está previsto que máis adiante o xefe do Estado presida unha grande homenaxe aos falecidos.

Mostra do pesar tamén nas escaleiras exteriores do Pazo da Moncloa. O presidente Sánchez, ministros e altos cargos do Goberno, traballadores e representantes da Garda Civil e da Policía Nacional, dedicaban un minuto de silencio en memoria das vítimas da pandemia.

Todas as institucións pecharon deste xeito o derradeiro dos dez días de loito oficial, o período máis longo declarado en democracia.

Milleiros de cidadans sumáronse á lembranza das vítimas do coronavirus nas prazas e nos exteriores de concellos e organismos públicos. Tamén nas institucións autonómicas. Aquí, en Galicia, o presidente da Xunta e os conselleiros fixérono ás portas do edificio administrativo de San Caetano. Ás doce da noite as bandeiras deixarán de ondear a media hasta nos edificios públicos de todo o país.
 

 

 

Noticias web

05/06/2020