CRTVG

Buscar

Regreso a medio gas e con prudencia da actividade non esencial

Publicado o 13/04/2020 22:51

O metal galego volve á actividade, pero con prudencia. Dos 67.000 traballadores que ocupa, este luns volveu fichar un 75 %. Na construción e reparación naval incorporáronse 9.000 dos 10.500 operarios que o fan normalmente.

Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, di que  "hai unha incorporación aproximada dun 80 % dos traballadores. Vai ser progresiva, paulatina entre hoxe e mañá. Estamos pedindo que se espace a entrada e saída dos traballadores".

Estiman que a volta do 100 % dos traballadores aínda levará entre esta semana e a que vén, e temen polo impacto da COVID-19 na construción de transatlánticos. Tamén se volveu sentir o ruído dos camións nos polígonos industriais. No lugués do Ceao, advertíase este luns certa inquedanza.

Francisco Dorado, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Ceao, di: "Todos queremos abrir porque todos necesitamos traballar. Pero non sei se sería ben esperar outros 15 días. Con este asunto das máscaras, téñennos un pouco confundidos; non sabemos se hai que levalas, se non, e tampouco as hai".

As grandes factorías tamén recuperan pouco a pouco o pleno rendemento, aínda que con máis medidas de seguridade entre os traballadores.

Noticias web

13/04/2020