CRTVG

Buscar

Redúcense os casos activos (-59) e os ingresos hospitalarios (-18) en Galicia

Publicado o 26/11/2020 15:49

• Só as áreas de Ferrol (+18) e Vigo (+15) aumentan os casos activos

• Baixan as hospitalizacións en planta (-13) e nas UCI (-5) 

Redúcense os casos activos (-59) e os ingresos hospitalarios (-18) en Galicia

Galicia mantén unha tendencia decrecente irregular dos casos activos. Hoxe hai 8.579 persoas enfermas de covid−19 no país, segundo so datos do Sergas. Son 59 menos ca onte. Os novos contaxios tamén se reducen á par dun aumento das PCR: 415.

Por áreas sanitarias a repartición é:

• Vigo: 2.308 (+15)
• A Coruña: 1.743 (-23)
• Pontevedra: 1.214 (-4)
• Lugo: 1.085 (-17)
• Santiago: 948 (-14)
• Ourense: 574 (-34)
• Ferrol: 707 (+18)

Baixan os ingresos

O último elo no combate contra a pandemia está nas unidades de coidados intensivos. Galicia leva dúas semanas e media por riba dos 90 pacientes nas UCI, unha cifra que non dá diminuído de igual xeito que os casos ou o ritmo de contaxios. Segundo os datos de Sanidade, hai 92 persoas nas UCI (-5).

Logo dunha correción dos datos este mediodía por parte do Sergas, que inicalmente apuntaban unha suba das hospitalizacións en planta de 31 (ata os 465), os datos finais oficiais sinalan que houbo unha baixada de 13 persoas nos ingresos en planta. Son en total 421 persoas con covid−19 en planta.

A cifra de vítimas nesta pandemia chegou aos 1.173 falecementos, tras a notificación onte do pasamento de tres persoas.

Aumentan as PCR, baixa a positividade

As probas PCR soben ata as 7.912, 1.181 máis ca onte. É a cifra máis elevada dos últimos once días. Porén, o aumento das probas non trouxo consigo un incremento substancial dos positivos. A cifra de novos contaxios confirmados por PCR é de 415, 94 menos ca os notificados onte.

A taxa de positividade redúcese ata o 5,25 %, a cifra máis baixa do último mes. Con todo, a lectura que debe facerse destes datos diarios é sempre nun contexto máis amplo temporalmente. As frecuentes oscilacións deturpan a análise que poida facerse de xeito puntual.

Na última semana, a media de probas estivo en 6.618, cunha media de novos contaxios diarios de 469,86 e unha taxa de positividade de 7,13 %.

Mapa de inciencia acumulada po concellos