Baixan os casos activos (-160) e a presión hospitalaria en Galicia
• A área sanitaria de Vigo baixa dos 2.000 despois dun mes
• Os ingresos hospitalarios están en niveis de finais de outubro: hai nove persoas menos nas UCI
Galicia encadea seis días consecutivos de descensos de casos activos. Segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, hai 7.646 casos activos no país, 971 menos que hai unha semana e 1.473 menos ca o mes pasado.
ÚLTIMA HORA | Baixan os casos activos (-160) e a presión hospitalaria, que volve a niveis de finais de outubro. Máis información en https://t.co/7ZseCTNtmJ pic.twitter.com/bvAk6tsX6t
— G24 (@G24Noticias) December 1, 2020
Por áreas sanitarias:
• Vigo: 1.993 (-28)
• A Coruña: 1.606 (-53)
• Pontevedra: 1.137 (-19)
• Lugo: 935 (-16)
• Santiago: 845 (-15)
• Ourense: 449 (-9)
• Ferrol: 681 (-20)
Baixan as persoas hospitalizadas
O Sergas informa de 461 persoas ingresadas nos hospitais galegos: 393 en planta (-14) e 69 nas UCI (-9). A presión nas UCI, que se mantivo ao longo de case todo o mes de novembro por riba dos 90, alíviase notablemente na última semana.
A última vez que houbo 69 persoas nas UCI no país foi o 31 de outubro. O certo é que, nunha perspectiva temporal máis ampla, este número non parou de medrar —aínda que de xeito irregular— dende xullo.
Algo semellante acontece coas hospitalizacións en planta, cuns niveis semellantes tamén a finais do mes de outubro. Con todo, a súa traxectoria foi aínda máis irregular.
Así e todo, temos aínda máis do dobre de persoas nos hospitais que hai un mes e medio, cando houbo unha forte repunta de ingresos.
Por desgraza, no día de onte Sanidade informou do pasamento de seis persoas por mor da covid−19. Van 1.211 vítimas nesta pandemia en Galicia.
Caen as PCR
Como cada martes, o número de probas PCR notificadas polo Sergas descende: fixéronse 4.466, a cifra máis baixa das últimas tres semanas. Son 1.004 menos ca onte e dúas menos ca o martes pasado. Son 2.100 menos ca a media da ultima semana.
No que respecta á positividade, esta sobe un punto respecto a onte, ata acadar o 5,35 %. Unha cifra que consolida unha media ao redor do 5,46 % da taxa de positividade, pouco por riba do 5 % indicado pola OMS para o control da pandemia.
Mapa de incidencia acumulada por concellos