CRTVG

Buscar

Recupérase nun hospital da Coruña unha nena de 21 meses de Narón atacada polo can da súa casa

Publicado o 11/09/2019 21:06

A nena, de 21 meses, permanece ingresada neste hospital Materno Infantil da Coruña, onde se recupera das graves feridas sufridas e, segundo fontes próximas á familia, xa se encontra fóra de perigo. Tivo que se intervida cirurxicamente debido ás graves lesións que presentaba tanto na cara como na cabeza.

A pequena ingresaba no hospital o pasado domingo, despois de sufrir o ataque dun can que levaba anos convivindo coa familia. O animal, de raza pastor alemán, nunca mostrara anteriormente un comportamento agresivo, polo que o ataque provocou unha fonda conmoción na familia. Un xulgado de Ferrol investiga os feitos.

O ataque do can produciuse na casa que a familia ten no lugar do Ponto, en Narón. O pasado domingo a nai escoitou os berros da nena, un bebé de 21 meses, e cando se achegou viu a escena. Un dos cans da familia, un pastor alemán, atacara a pequena.

A nena sufriu graves feridas na cara e na cabeza e foi trasladada de inmediato ata o Complexo Hospitalario de Ferrol e de alí ao Materno Infantil da Coruña, onde foi sometida a unha intervención cirúrxica da que se está a recuperar.

O animal, de raza pastor alemán, levaba preto dunha década convivindo coa familia e, segundo confirman algúns achegados, non mostrara anteriormente ningún comportamento agresivo. É unha conduta que sorprende nesta raza.

Desde o Concello de Narón confirman que a Policía Local xa remitiu un informe do ocorrido aos xulgados de Ferrol.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí