CRTVG

Buscar

Recuperada unha vella cruz de pedra roubada en Moraña

Publicado o 18/06/2020 14:51

A Garda Civil detivo dous veciños de Moraña como presuntos autores do roubo dunha cruz de pedra que podería ter valor patrimonial. Roubárona do taller onde ían colocarlle unha base.

A cruz do muro de Fonte, en Moraña, volveu ao taller onde agardaba restauración. Pero agora a reparación será maior, porque no tránsito cos ladróns rachou. A Garda Civil rescatouna de mans de dous irmáns de 33 e 18 anos veciños do mesmo concello que, supostamente, a levaron dun taller de pedra.

Dosi Rodríguez, responsable de prensa na Comandancia de Pontevedra: "Foron detidos, quedaron en liberdade con cargos pendentes de comparecer ante o xuíz de Caldas. Si tiñán algúns antecedentes por roubo. Si".

A antigüidade da cruz é obxecto de debate en Moraña, onde hai quen fala de que ten varios séculos. Non se sabe, pero un veciño interesado no patrimonio local explica que formaba parte do camiño das cruces. Relata que formaba parte dun vello muro agora reconstruído antes de que a levaran ao taller.

Celso Diz, integrante da Asociación Terras de Moraña: "A base da cruz estaba rota, levouse alí para reparala e volvela colocar sobre o muro na alde da Fonte".

Ademais de colocarlle a base, agora os restauradores pegarán os dous anacos en que quedou tras o episodio do roubo.

 

Noticias web

18/06/2020