CRTVG

Buscar

Recta final na campaña electoral no Reino Unido

Publicado o 07/12/2019 21:22

A campaña electoral no Reino Unido chega á súa recta final... O primeiro ministro Boris Johnson parece confiado na vitoria e trata de manter o impulso para asegurar unha maioría absoluta nos comicios do vindeiro xoves día 12.
O último cara a cara entre o líder tory e o seu rival Jeremy Corbyn, emitido onte na BBC, deixou a Johnson cunha lixeira vantaxe sobre o laborista Corbyn.
Un 52 por cento dos espectadores deron como gañador do debate o primeiro ministro fronte a un 48 por cento da audiencia que considera que se impuxo o líder da oposición, que nas últimas enquisas seguía a dez puntos do seu adversario.

Corbyn defendeu unha vez máis renegociar coa UE e acadar un novo acordo, e despois sometelo a un novo referendo.
Johnson cre que hai que pasar páxina, si ou si, e levar a cabo xa o brexit a toda custa o 31 de xaneiro, para poder atallar dixo os verdadeiros problemas dos británicos.
Tras o debate, este sábado continuaron cos actos de campaña. Boris Johnson acudía a un partido de fútbol con nenos, nun ambiente previo ao Nadal...
E Jeremy Corbyn servía cafés e galletas...

Ante as preguntas dos xornalistas, falaban das supostas pretensións rusas de interferir nas eleccións, segundo consta nuns documentos filtrados nos últimos días...
O primeiro ministro di que "non coñece evidencia de ningunha interferencia exitosa por parte de Rusia nalgún evento democrático neste país"
O líder laborista respondía que... "Obtivemos eses documentos. Cremos que son correctos e ninguén ata onte negou a exactitude deses documentos. O problema é que non debería haber interferencia na política británica por parte de ninguén. O primeiro ministro ten respostas que dar", asegurou Corbyn.

Noticias web

07/12/2019

Máis sobre actualidade