CRTVG

Buscar

Recta final do xuízo do caso Maje, logo das versións contrapostas dos dous acusados

Publicado o 28/10/2020 14:41

Numerosas conversas telefónicas e mensaxes de whatsapp entre os acusados ocupan a xornada de hoxe, a décima, no xuízo polo asasinato de Antonio Navarro. Fiscalía e acusación buscan documentar a participación da viúva de Antonio, María José Moreno, Maje, como principal instigadora do crime, logo de que o amante dela, Salvador Rodrigo, confesara ser o autor material da morte tras planificala xuntos.

Rodrigo dixo que "temía perdela", cando foi preguntado polos motivos que o levaron a aceptar a proposición de Maje. Engadiu, con voz entrecortada, que levaba anos "tentando esquecelo".
Tentaba esquecer que, tal e como relatou, cometeu o crime porque ela llo pedira. Fíxoo cun coitelo de cociña, no garaxe da vivenda que compartían a vítima e Maje. Salvador corroborou a tese da fiscalía e acusación particular, que sosteñen que foi ela a instigadora por un interese económico, e piden penas de entre 18 e 25 anos para cada un deles. Ela negou a súa implicación nos feitos.

"Non preparei con Salva ningún crime! Nunca!", dixo ela en sede xudicial.
Logo da proba documental, as partes lerán as súas conclusións e o xurado emitirá o seu veredicto previsiblemente esta mesma semana.

Noticias web

28/10/2020